POLÍTICA LOCAL

En Marea reclama máis medios á Xunta para o CIM

Representantes de En Marea  visitaron onte o Centro de Información da Muller

Representantes de En Marea no Carballiño, Bernardo García e Manuel Nogueira xunto cos deputados, Paula Quinteiro e Marcos Cal, integrantes da Comisión non permanente de estudo para a Igualdade e para os Dereitos das Mulleres, visitaron onte o Centro de Información da Muller (CIM) para coñecer as carencias que ten este servizo municipal. "No caso do CIM do Carballiño a valoración do seu labor e do traballo realizado polo mesmo é moi positiva grazas á dedicación e a sensibilidade das traballadoras do mesmo. Un labor que desgraciadamente non se ve reforzada polas administracións superiores competentes na materia", manifestaron.

Nese sentido, consideran que  "a Xunta de Galiza segue a cargar excesivamente aos concellos certos servizos que tiña que prestar ou cando menos orzamentar ela mesma". E engaden que "vemos pois unha clara desidia á hora de prestar servizos tan esenciais coma os CIM, con escasez de persoal, de recursos e pouca centralización e concordancia entre as distintas administracións".

En consecuencia, sinalan que esperan "que esta situación mude, que a Xunta siga o exemplo de moitas traballadoras que fan o seu labor dun xeito impecable e con total dedicación como é no caso do CIM da nosa vila, e se dote con medios suficientes para que estes servizos poidan dar total cobertura".

Te puede interesar