O CARBALLIÑO

As obras da nova ITV estarán rematadas antes de fin de ano

A dotación de Carballiño incorpora moderna tecnoloxía e evitará desprazamentos ata a de Ourense 

As obras da nova ITV estarán rematadas antes de fin de ano

A nova estación fixa da ITV do Carballiño entrará en funcionamento o último trimestre deste ano e contará coa última tecnoloxía, permitindo inspeccionar todo tipo de vehículos. Así o manifestou o presidente de Supervisión e Control, Amador de Castro, durante o acto de colocación da primeira pedra desta nova instalación no parque empresarial do Carballiño. O empresario agradeceu a colaboración institucional da Xunta de Galicia, así como o traballo desenvolvido polos arquitectos Manuel Amor e Félix Suárez, en colaboración coa Escola de Arquitectura da Coruña, no deseño dun novo modelo de estación de ITV, que será un referente tecnolóxico, sendo a segunda na que se implante en Galicia.

Ao acto asistiron o subdirector xeral de Industria, Ricardo Baños; a delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, ademáis dos portavoces dos grupos políticos municipais, concelleiros e concelleiras, así como os presidentes das asociacións de empresrios do polígono industrial, dos talleres mecánicos e do comercio local.

Os arquitectos Manuel Amor e Félix Suárez explicaron o deseño e o proceso constructivo e de funcionamento desta nova estación fixa de ITV, que fai a número 26 de Supervisión e Control en Galicia, e que se executará mediante tecnoloxía modular e que estará dotada cos sistemas máis punteiros de control.

Marisol Mouteira resaltou o servizo que se ía prestar ao veciños do Carballiño e comarca, e a puxo como exemplo da colaboración institucional autonómica e local, así como coa iniciativa privada, en beneficio da cidadanía e do desenvolvemento do Carballiño, pois esta instalación ía ser un novo instrumento dinamizador do parque empresarial e na creación de emprego.

En termos semellantes pronunciouse Francisco Fumega, sinalando que “era unha vella demanda do sector da automoción e dos conductores e conductoras do Carballiño, que tiñamos que desprazarnos fóra para realizar a revisión dos nosos vehículos, e que hoxe, por fin, podemos dicir que estamos moi cerca de poder facelo aquí”.