O CARBALLIÑO

O padrón supera os 14.000 veciños despois de dous anos

O alcalde valora o dato, que coincide co de ocupar o segundo posto en creación de emprego

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, manifestaba onte a súa satisfación porque o padrón municipal rexistra neste momento 14.036 habitantes, o que supón recuperar a barreira dos 14.000 veciños, que se perdeu hai dous anos. Este dato, con todo, matizan os responsables municipais que non será oficial ate final deste ano cando se conte co aval do Instituto Nacional de Estadística, tras comparar os datos de ambas administracións. Así, a 31 de marzo quedará pechado o padrón municipal do 2016, pero o definitivo non será aprobado e publicado ate o día 1 de xaneiro de 2018.

A pesar diso, nestes momentos, no concello do Carballiño hai máis de 14.000 persoas empadroadas, e este é un dato que non se producía desde facía dous anos, cando se acadou oficialmente un padrón de 13.999, e no último, cando estaban empadroadas 13.913.

“Un bo dato"

Por ese motivo, as autoridades municipais destacan agora este incremento, que de confirmarse a final de ano sería de aproximadamente un centenar de persoas.

Para Francisco Fumega "é un bo dato que pon de manifesto a mellora que está a experimentar O Carballiño en moitas vertientes, e que, nesta referida á poboación, permite augurar un futuro ascendente e de maior crecemento en todos os sentidos". Según engadiu "este dato pode asociarse co feito de que O Carballiño e a súa comarca figuren por segundo ano consecutivo no Observatorio Económico da Provincia, que elabora a Deputación, como a zona de maior ocupación e creación de emprego despois da capital". Asegura o alcalde que este municipio "é hoxe un pobo moi atractivo para vivir e para investir, e estase comprobando cada día máis.

Os responsables locais apuntan que entre os datos do Concello e os da Administración estatal, pode haber unha variación de ata 30 ou 40 persoas. O segmento de poboación que máis adoita fluctuar é o de estranxeiros, pero tamén acontece con residentes doutros lugares da comarca, de Galicia e nacionais, segundo sinalan os encargados do padrón municipal.

Te puede interesar