Os pais da unidade de Infantil ven “carencias" nas reformas

Educación investiu 28.000 euros nunha rampa de acceso e no acondicionamento do patio 

As obras de acondicionamento que levou a cabo a Consellería de Educación na unidade infantil do Campo da Feira, integrada no colexio público Calvo Sotelo do Carballiño, son do agrado das nais e os pais dos alumnos, pero consideran que son insuficientes. A Consellería de Educación levou a cabo antes da apertura do curso lectivo a construcción dunha rampa de acceso e diversos arranxos no patio e no muro exteriores e na instalación do saneamento, cun investimento total de 28.000 euros, según confirmaron dende iste departamento autonómico.

Nembargantes, o colectivo de nais e pais apunta que aínda hai carencias que non foron contempladas no correspondente proxecto. "Ampliaron un porche exterior para os días de choiva, pero hai unha rampa recheada con terra cun desnivel polo que poden caer os cativos ó carecer de valado de protección", tal e como suliña Vanessa Estévez, como voceira das nais afectadas. Engade que "estamos convencidos, ademais, de que esta terra vai desaparecer cando chova moito e aínda se agravará o problema".

Por outra banda, outras reivindicacións que plantexaron no curso pasado ante a Consellería non foron atendidas, como son a dotación de xoguetes para os 58 nenos e nenas de entre tres e cinco anos que están matriculados neste centro, e de máis mobiliario nas dependencias interiores, coma estanterías ou armarios. Pero tampouco as demandas que fixeron ante o propio Concello do Carballiño. "Nós pedimos que limparan e pintaran os muros exteriores unha vez que Educación rematase os traballos, pero aínda estamos á espera", indica Vannesa Estévez. Sobre iste tema, o concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández, Manifestou que "temos previsto facer as melloras que sexan oportunas no edificio escolar, pero nestes intres a brigada municipal de obras está a atender traballos urxentes noutras zonas".

As nais dos cativos comezaron na pasada primavera a esixir estas melloras, mantendo xuntanzas coa dirección do colexio e co propio concelleiro de Educación, e incluso facendo un rogo ante a Corporación carballiñesa na sesión plenaria do mes de xullo. Asemade, decidiron levar a cabo unha campaña de recollida de sinaturas, conquerindo máis de 1.200, que entregaron cun escrito no rexistro da Xefatura Territorial de Educación. Finalmente, tamén recurriron ó Valedor do Pobo de Galicia, que lles anunciou que se poría en contacto coa Xunta e co Concello para solicitarlles os informes necesarios. "Teñen que darse conta de que son os nosos fillos e fillas os que están a sufrir as carencias que hai no centro", lamenta a voceira do colectivo.

Te puede interesar