O CARBALLIÑO

A Pepa Loba asaltou a vila

O grupo de teatro Tiruleque e numerosos voluntarios deron vida a distintos personaxes relacionados coa Pepa Loba, a bandolera protagonista na feira de artesanía que se celebra no barrio de Flores recreando épocas pasadas. 

Máis de 40 personaxes recrearon onte un anaco da historia do Carballiño aorredor da famosa bandoleira Pepa Loba e dentro da programación da feira de artesanía que arrancaba o pasado venres no barrio de Flores. A representación da tradicional feira da que naceu o Carballiño correu a cargo do grupo de teatro Tiruleque e de moitos voluntarios que se sumaron a esta iniciativa. A gavilla de bandoleiros irrompeu no centro da vila dirixida pola Pepa Loba, protagonizada por Clara Vázquez, ao mesmo tempo que 15 Felos de Garabás (Maside) coas súas respectivas monturas percorrían algunhas rúas para baixar despois ao barrio de Flores onde se desenvolvía a feira.

Alí, no barrio máis antigo do Carballiño, acudiron personaxes como a parella da Garda Civil, que intentaba atrapar á bandoleira; o cura, que foi obxecto dun atraco; e tamén a parella de indianos, entre outras vítimas. Tampouco faltou á cita Concepción Arenal entre as amizades e tamén inimigos da Pepa Loba.

Nesta feira tamén se producía por primeira vez o reencontro da bandoleira coa súa nai, papel interpretado por Rosa Núñez, a veciña de Flores impulsora desta feira na que conflúen persoeiros de distintas épocas, sempre achegados ao Carballiño. Ela chegou nunha carruaxe antiga tirada por cabalos.

Ao final, a Garda Civil non poido coa cuadrilla, que continou disfrutando da festa ao longo da tarde.

A Feira de Artesanía Pepa Loba tamén ofrecerá hoxe un programa moi suxerente. Así, ás 12,00 horas, haberá demostración en vivo de artes tradicionais e obradoiros. Ás 14,00 horas, xantar popular, e a partir das 18,00 horas, animación polas rúas a cargo do grupo de teatro Tiruleque.

Te puede interesar