A Pepa Loba protagoniza a feira artesana de Flores

Unhas mil persoas, entre veciños e visitantes, desafiaron a inminente  treboada e acudiron á cita, que tivo o seu arranque na Casa do Concello

Chegada da cuadrilla de Pepa Loba ó barrio de Flores.
Chegada da cuadrilla de Pepa Loba ó barrio de Flores.
A Pepa Loba protagoniza a feira artesana de Flores

O barrio de Flores do Carballiño acolleu este sábado a segunda xornada da Feira Mostra de Artesanía, adicada nesta edición ó oficio das rosquilleiras, e que inclúe no seu programa a tradicional chegada da bandoleira Pepa Loba, unha personaxe mítica do século XIX que aterrorizou ás xentes da comarca. Unhas mil persoas, entre veciños e visitantes, desafiaron a inminente  treboada e acudiron á cita, que tivo o seu arranque na Casa do Concello coa detención da delincuente por parte dunha parella da Garda Civil  e que posteriormente foi xulgada diante da antiga fonte do cárcere municipal, co acompañamento de dous grupos de gaiteiros.

Tras ser condeada á cadea perpetua, a intervención e mediación da avogada Concepción Arenal e da escritora Emilia Pardo Bazán foron determinantes para que Pepa Loba fora liberada, e poidera unirse á súa cuadrilla de bandoleiros e á comitiva de cabaleiros do señor Saro, e deste xeito poder axudar ós cidadáns da vila que estaban sometidos ó poder do cacique local, don Gaudencio, que finalmente foi apresado e entregado ás forzas da orde pública. Namentres, xurde unha historia de amor entre Pepa Loba e o seu xefe de filas, e logo dun periodo de achegamento deciden o seu casamento no espazo da fonte de Flores, coas bendicións do cura Alfonso.

A programación da feira terá a súa continuidade no mediodía de hoxe, cunha demostración en vivo dos vellos oficios artesáns, na Eira de Flores, que acollerá tamén o campionato de chave para homes, mulleres e cativos. Os veciños e os comerciantes presentes no evento reuniránse nun xantar de confraternidade, no que se procederá ó sorteo das pezas de artesanía entre os visitantes que mercaron boletos. Logo das seis da tarde, continuaranse tamén cos últimos momentos da representación da chegada da Pepa, suspendidos pola treboada de onte á tarde.