O CARBALLIÑO

O PP reclama a construcción dun heliporto na vila

O alcalde afirma que o arquitecto municipal está redactando o proxecto para facelo na Pena 

O equipo sanitario traslada con moitas dificultades a un enfermo ata o helicóptero.
O equipo sanitario traslada con moitas dificultades a un enfermo ata o helicóptero.
O PP reclama a construcción dun heliporto na vila

O grupo municipal do PP no Carballiño urxe a través dunha moción a que o arquitecto do Concello realice un proxecto técnico, asesorado polo 112, para a construción dun heliporto, no monte da Pena, ou noutro espacio nas inmediacións do Centro de Saúde. O portavoz popular, Argimiro Marnotes, advirte que cando o servizo de emerxencias médico da aviso ao helicóptero sanitario para o traslado dalgún enfermo ou accidentado ata Ourense, Vigo ou Santiago, ten que aterrar con moitas dificultades se a explanada do ferrocarril está ocupada con coches, a ITV, ou o camión de venda das laranxas.

 

 

Engade Marnotes, que "días atrás puidose comprobar como para aterrar tivo que facelo nunha finca privada, entre a estrada de Ourense e a Avenida 25 de Xullo, preto dunha gasolinera". Nesta ocasión foi necesaria a intervención da Policía Local e da brigada de emerxencias para cortar o tráfico na rúa Eladio Rodríguez González, co fin de trasladar a un enfermo procedente do Centro de Saúde.

"A operación de aterraxe e despegamento, nestas fincas privadas, faise moi compricada e con risgo alto para a propia tripulación e peóns que transitan pola zona, pois pode producir que se levanten obxetos e golpeen ás persoas, ademais de que existen certas dificultades para achegar con garantías ao enfermo ata o propio helicóptero", matiza. En consecuencia, afirma que o Concello debe de facer realidade un heliporto permamente, o máis preto posible do Centro de Saúde, e consideralo unha obra prioritaria.

O responsable de Protección Civil do Carballiño, Juan Míguez, declaraba que fai moitos anos que están solicitando aos distintos gobernos municipais un heliporto. Recentemente trasladoulle a reclamación ao actual alcalde socialista, Francisco Fumega, quen declaraba onte que o arquitecto municipal procede a redactar o proxecto, despois de obter unha resposta positiva a súa petición ante a Dirección Xeral de Emerxencias. Fumega afirma que o proxecto estará listo na próxima semana e que a Dirección Xeral se encargará de subvencionar a obra, cuxa ubicación tamén coincide coa proposta polo PP, no entorno da Pena, próximo ao Centro de Saúde. "Benvida a moción do PP, que servirá para afianzar a petición", sinalou. n