CITA GASTRONÓMICA

A Ruta das Tapas terá sabor a carne da matanza do porco

<p></p>
photo_camera Acto de presentación da Ruta das Tapas que estará dedicada á matanza do porco.

Os hostaleiros ofrecerán en decembro unha segunda xornada dedicada ao Nadal e o marisco

Carballiño celebrará neste próximo mes de decembro dúas xornadas de tapas, que ofrecerán os 21 establecementos de hostalería que participan nesta nova tempada da Ruta das Tapas. Así, os produtos da matanza do porco protagonizarán o 2 de decembro a terceira xornada, estando prevista tamén para o día 16 do mesmo mes outra dedicada ao Nadal e o marisco.

Tosta en rolo rechea de produtos da matanza, carrilleiras de porco en salsa, brocheta moruna con patacas panadeiras e bocadillo de papada de porco con queixo parmesano, son algunhas das tapas que mostraron onte unha representación de hostaleiros e que serán servidas o próximo venres, a partir das 8 da tarde.

O acto de presentación foi onte no salón de plenos do Concello do Carballiño, asistindo tamén os concelleiros de Cultura e Medio Rural, Diego Fenández e Rosario González, respectivamente; a xerente do Centro Comercial Aberto, Noelia Mares e a representante da bodega Pazo Tizón, Cristina Mouriño.

Os concelleiros Diego Fernández e Rosario González animaron aos carballiñeses a percorrer a ruta e degustar estas tapas ao prezo de 2 euros que, ademais, ofrece a posibilidade de participar nos concursos que se celebrará ao final da tempada con premios de máis de 2.000 euros para gastar nos establecementos comerciais da vila. Do mesmo xeito, os asistentes tamén animaron a veciños doutros concellos a visitar Carballiño e degustar as tapas co viño Pazo Tizón.

As representantes do Centro Comercial Aberto, de Pazo Tizón e dos hostaleiros tamén convidaron á participación e expresaron o seu convecemento de que a xornada será un éxito, pois os produtos do porco ofrecen neste tempo infinitas posibilidades de preparación gastronómica, que atraerán o interese da clientela. Neste sentido, o éxito acadado o pasado ano fai augurar unha gran afluencia nesta xornada e tamén na que estará dedicada ao Nadal, na que predominará o marisco nas tapas que se presentarán en próximos días por parte dos hostaleiros.

Te puede interesar