O CARBALLIÑO

O saneamento chegará á zona leste do Carballiño

Un proxecto eliminará verteduras ao río Carrás dende o barrio de Flores

As obras de acometida dunha nova rede de saneamento na zona  leste do casco urbán do Carballiño, e que inclúen o acondicionamento da rúa Aquilino Sánchez, comezarán na vindeira semana, tal e como confirmou o alcalde do municipio, Francisco Fumega. O inicio dos traballos dependerá das medidas que leve a cabo a Policía Local para a regulación do tráfico na contorna, xa que esta rúa enlaza a estrada a Ribadavia cos accesos ó Centro de Saude e a Administración de Facenda e á parroquia de Señorín.

O proxecto correspondente, que supón un investimento  superior ós 120.000 euros por parte do Concello, ten como obxectivo a reposición integral das canalizacións da rede de suministro na parte baixa do barrio histórico de Flores, ademais de solucionar o grave problema de verteduras de augas fecais ao río Carrás, que desemboca no río Avia á altura da localidade de Gomariz, en Leiro.

Neste sentido, a empresa adxudicataria procederá á substitución das antigas tuberías do alcantarillado por outras novas e á súa conexión co colector procedente do parque empresarial, que transporta as augas residuais ata a estación depuradora de Partovia. Por outra banda, o proxecto tamén contempla o asfaltado en quente da rúa Aquilino Sánchez, moi deteriorado na actualidade polo tránsito de vehículos pesados, e a dotación de beirarrúas, así como a instalación de farolas para o seu alumeado.


Alternativas


A execución dos traballos conlevará a prohibición do paso de vehículos, dado que "únicamente se permitirá o acceso aos garaxes dos veciños, pero non o tráfico en xeral, que deberá utilizar outras vías alternativas", según indicaron dende o Concello. Deste xeito, os automobilistas terán a opción de acceder ó casco urbán dende Señorín ata a rúa Alberte Vilanova ou dende a estrada de Ribadavia ó cruce coa rúa Calvo Sotelo.n

Te puede interesar