FETEGA

O teatro galego enche rúas do Carballiño

photo_camera A representación de "A vida tola" truxo un gran ambiente ó Anfiteatro da Veracruz.

Carballiño remata este venres a XXIX edición do Fetega, que deixa atrás tres días de grandes pezas

O telón da 29ª edición do Festival de Teatro Galego, celebrado en Carballiño, está a piques de baixarse ata o próximo ano. A xornada de hoxe será a última na que se poida disfrutar do único evento desta comunidade que reúne a profesionais e pezas exclusivamente en lingua galega. Unha edición claramente marcada polo predominio feminino que chegou pisando forte e con grandes obras que non pretenden deixar indiferente a ninguén. 

Na xornada de onte os espectadores puideron disfrutar de animación de rúa e representación teatral con tintes acrobáticos ó aire libre. O prato forte foi a peza da noite, "Elisa e Marcela", unha representación innovadora e a primeira montaxe teatral explícitamente lésbica da historia do teatro galego. Todas as pezas representadas ata o de agora cumpren as expectativas da organización, conseguindo un cheo case total do Auditorio Municipal e atraendo a decenas de personas nas actuacións ó aire libre, unha tendencia que vai da mau do Fetega. 

Para o día de hoxe tamén agardan unhas cantas sorpresas. O teatro non vai a faltar. Pola mañá, tarde e noite, unha xirafa de globos en tamaño real fará as delicias dos máis pequenos. As representacións teatrais seguirán a mesma programación destes últimos días. Pero neste último día, haberá tamén unha gala na que se fará especial mención ó papel da muller, cun gran elenco de actrices que serán recoñecidas polo seu traballo. A directora Marta Pazos recibirá o Premio de Honra "Dorotea Bárcena" do Fetega neste acto. Tamén haberá outros moitos premios, todos destinados ó sector feminino, xa que nesta edición non hai representación masculina para optar a eles. O xurado encargado desta tarefa estará formado por expertos do teatro como María Vázquez, Victor Dupla e Antonio Durán "Morris". A gala estará chea de rostros coñecidos, como a presentadora, Laura Villaverde. Tamén haberá un momento para facer unha emotiva homenaxe a Ernesto Chao, falecido recentemente e un persoaxe moi ligado ao Fetega. O evento terá lugar no Auditorio Municipal Manuel María, a partir das 22,30 horas, e finalizará ca representación da última obra teatral, "Chola a it girl".

Te puede interesar