Ocio

Tiruleque Grupo de Teatro poñerá en escena unha obra de Svindel

Mediante un esquema fragmentado en varias historias independentes traza unha radiografía da corrupción política e empresarial nun país ficticio que Svindel denomina Galicia.

Tiruleque Grupo de Teatro representará o próximo día 15 de decembro un fragmento da obra "O Principio de Peter", de Henrik Svindel. A escena que Tiruleque escolleu foi traducida por Pepe Prada, director e guionista deste grupo de teatro do Carballiño, cunhas mínimas adaptacións dramatizadas, baixo o título de "Pasou un anxo". A representación será ás 19,00 horas, na Residencia do Carballiño para Maiores con Autonomía.

Henrik Svindel (Oslo, 1968) "é sen dúbida o dramaturgo de moda en Europa", segundo sinala Pepe Prada. "A obra de Svindel é un reflexo a miúdo desapiadado da nosa sociedade. Cun humor acedo analiza a realidade sen deixar indiferente a ninguén", engade.

"O Principio de Peter" é seguramente a súa obra máis coñecida. Mediante un esquema fragmentado en varias historias independentes traza unha radiografía da corrupción política e empresarial nun país ficticio que Svindel denomina Galicia.


Metáfora


Sinala Prada que "segundo algúns especialistas, esta Galicia sería unha metáfora da humanidade, outros a sitúan en Francia, onde Svindel acostuma pasar as súas vacacións, e a maioría afirma que non é senón un lugar imaxinario, un recurso literario xa que din, é imposible que exista un lugar no mundo tan corrupto como este".

Te puede interesar