POLÍTICA

Veciños de Piñor estuda apoiar a un novo goberno

O PSOE, con maioría na corporación, non se posiciona, e deixa a decisión noutras mans

Uxío Rodríguez, en primeiro plano, é o portavoz de Veciños de Piñor.
Uxío Rodríguez, en primeiro plano, é o portavoz de Veciños de Piñor.
Veciños de Piñor estuda apoiar a un novo goberno

Tras dous anos de goberno en coalición entre o Partido Popular e Veciños de Piñor, a alianza rómpese deixando un goberno en minoría, mentras que o outro grupo pasa a formar parte da oposición. Ó comezo, a unión resultou fructífera, segundo afirman os dous bandos, aínda que agora a situación é diferente. 

Ambas partes presentan unha opinión enfrontada do acontecido. O portavoz de Veciños de Piñor, Uxío Rodríguez Blanco, asegura que a súa ruptura débese a que teñen argumentos de peso contra a política que estaban levando a cabo os populares. "O Partido Popular xoga a ir por libre. Marcaron unha liña divisoria de que non daban obras e non aceptaban dous dos puntos fundamentais dese decálogo que nós lle impuxemos", en palabras do portavoz. Acusan ó alcalde de preocuparse máis da captación, clientelismo e do voto que dun proxecto colectivo que se marcaran ó comezo do seu mandato. Deste xeito e, debido ás discrepancias anunciadas, a agrupación pasou a incorporarse á oposición por primeira vez no pleno que se celebrou o pasado martes 19. 

En canto á posibilidade de presentar unha moción de censura en contra do alcalde, Veciños de Piñor non conta co número suficiente de efectivos para levala a cabo. Aínda así, Rodríguez Blanco asegura que esa decisión "estará en función de cómo actúe o Partido Popular, e se así o decide quen ten os números suficientes para poder presentala, que neste caso é a outra parte da oposición". Por alusións, o terceiro componente desta ecuación é o Partido Socialista. O portavoz deste grupo político, Francisco José Fraga, califica a situación que se está a vivir como inestable, aínda que recalca que se vía vir dende o principio. Tamén dubida de que os 'populares' consigan manter o seu goberno nesta situación: "Que vexa José Luis se dá gobernado deste xeito, eu véxollo complicado". En canto á moción de censura contra o alcalde, Fraga non se pronuncia nin a favor nin contra, asegurando que ninguén se puxo en contacto con el. Ademáis, afirma que os que deberían tomar esa decisión son Veciños de Piñor, xa que son os que entraron en conflicto directo co goberno.

Para o PP  non houbo problemas

Pola súa banda, o alcalde de Piñor, José Luis González, asegura que os últimos anos de goberno en coalición con Veciños de Piñor foron anos nos que se fixeron moitas cousas. En canto á ruptura política afirma que non houbo ningún problema que motivase esta situación. Segundo González, o posible motivo sería que "en año y poco se acercan unas elecciones municipales y cada uno se posiciona en el lado que mejor le conviene". 

Afrontan a ruptura con optimismo. A opinión do alcalde é que "se trabaja mejor sólo, porque cuanta más gente más opiniones hay. Tomas tus decisiones y si te salen bien, mejor; si no, es un problema que tienes que asumir tú mismo". De momento seguirán gobernando igual, aínda que nos plenos atopen maior oposición ás súas propostas.