PROMOCIÓN

Un vídeo promociona a riqueza en arte e paisaxe de Boborás

<p></p>
photo_camera Patricia Torres, Rosendo Fernández e Emilio Cuíñas, na presentación.

O traballo audiovisual incórporase á promoción turística do municipio co apoio da Deputación

O lema "Boborás, arte e natureza" convértese en imaxes ó traverso dun vídeo editado polo Concello de Boborás co apoio da Deputación de Ourense e no que se promociona a riqueza patrimonial deste municipio da comarca carballiñesa, destacado pola importancia dos seus vestixios históricos e etnográficos. O traballo audiovisual foi presentado onte no Pazo Provincial de Ourense, nun acto que contou coa participación do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; da concelleira de Cultura, Turismo e Deporte de Boborás, Patricia Torres, e do coordenador do Plan director de turismo deste concello, Emilio Cuíñas.

O vídeo, que foi realizado pola empresa de comunicación A&B de Ribadavia, ofrece un percorrido pola arte, as construcións medievais, as termas, a arqueoloxía, a historia e a singularidade dos recursos naturais e medioambientais que posúe Boborás. Neste sentido,Rosendo Fernández destacou "o grande berce histórico de Boborás, un territorio no que conflúen etnografía, tradición, cultura e un patrimonio histórico-artístico dos máis importantes, algo que é labor de todos seguir potenciando e defendendo". Pola súa banda, Patricia Torres, comentou que "é un vídeo que non chega ós dous minutos de duración, de xeito que o seu visionado sexa moi fácil para calquera persoa interesada, e que conta coa voz en off do actor galego Luis Iglesia, famoso polo seu papel de Matalobos e outras series e traballos cinematográficos".

A concelleira de Cultura apuntou que "o obxectivo é vender Boborás, que, coma se di no vídeo, camiñan da man arte e natureza, con espazos para camiñar, facer deporte, descansar, beber bó viño e disfrutar dos marabillosos monumentos que posuímos". O vídeo, que tivo un custe de 2.500 euros, xa se pode ver en Youtube e tamén será difundido noutros medios.


Difusión nas feiras de turismo


O Concello de Boborás tomou a iniciativa, hai un ano e medio, de desenvolver un Plan director de turismo,  encargado á empresa carballiñesa Autoxiro, e do que este traballo audiovisual é unha das súas ferramentas. Ó respecto, Patricia Torres lembra que "fixemos unha análise e un diagnóstico falando cos sectores implicados, como as casas de turismo rural e a adega Pazo Tizón, a fin de coñecer as nosas potencialidades". Deste xeito, introducíronse melloras na sinalización das rutas de sendeirismo existentes e dos enclaves de interese, e tamén se creou a marca Turismo de Boborás. Con estes elementos, a idea é presentar o vídeo nas feiras de turismo ó traverso da Mancomunidade Terras do Avia, que o municipio comparte con Ribadavia, Leiro e Carballiño, e do recén constituído Xeodestino O Ribeiro-Carballiño.

Te puede interesar