URBANISMO

Carballiño comeza un plan de reformas de rúas e estradas

O Concello do Carballiño iniciou os traballos de renovación da rede de abastecemento nun tramo da rúa Galicia

O Concello do Carballiño iniciou os traballos de renovación da rede de abastecemento nun tramo da rúa Galicia, a fin de evitar que se produzan roturas de tuberías como ven acontecendo con certa frecuencia dende hai tempo. O problema reside en que as canalizacións, ademais da súa antigüidade, estaban soterradas baixo o asfalto, soportando unha presión excesiva polo paso de vehículos e camións. Debido a elo, o proxecto contempla o cambio das tuberías que, a partires de agora, irán baixo as beirarrúas nesta rúa integrada na estrada a Cabanelas.

Estas obras, que nunha primeira fase corresponden ao tramo comprendido entre a Casa da Cultura e o estadio de fútbol de Espiñedo, cunha lonxitude de preto de 300 metros (553 metros sumando ambas márxenes), supoñen un investimento aproximado de 50.000 euros, que son sufragados con fondos municipais e inclúen novos enganches á rede dende os edificios e a reposición das lousas nas beirarrúas.

Complementariamente a estes traballos, a rúa Galicia, que é de titularidade provincial, será asfaltada en quente por outra empresa contratada pola Deputación, organismo que asumirá un custe superior ós 50.000 euros, e que se levará a cabo na vindeira semana.

Plans provinciais

O equipo de goberno do Concello carballiñés continuará con outras obras en rúas e estradas do municipio, que serán financiadas ó abeiro dos Plans provinciais do presente exercicio de 2016, cun orzamento de máis de 83.000 euros. Así, contémplase o arranxo da rúa Calviño, que discurre parella á devandita rúa Galicia pero tra-la Casa da Cultura da vila, e para a cal os residentes veñen solicitando dende hai 10 anos o seu acondicionamento. No mesmo programa inclúese o asfaltado da estrada entre as localidades de A Barreira e Mudelos, de un quilómetro de lonxitude.

Te puede interesar