O RIBEIRO

O alcalde de Castrelo descarta outro mandato

O BNG ten aberto un proceso interno para elexir ao candidato á alcaldía

O alcalde de Castrelo de Miño, o nacionalista do BNG, Xurxo Rodríguez Méndez, non se presenta ás próximas eleccións municipais.Despois de tres mandatos consecutivos recibindo a confianza dos veciños de  Castrelo de Miño (os dous últimos con maioría absoluta) decidiu finalizar esta etapa política da súa vida: "Sempre tiven moi claro que exercer cargos públicos ten que ser un camiño, e nunca un destino" manifestou, "despois de 12 anos, é o momento de que se produza un relevo". Engade que "sempre fun consciente de que chegamos ao goberno naquel momento grazas ao traballo realizado anteriormente por todo o BNG de Castrelo desde 1995 na oposición municipal".Xurxo Rodríguez tamén anuncia que ao finalizar o actual mandato no mes de xuño se

reincorporará ao seu posto de traballo, do cal se atopa en excedencia forzosa por cargo público desde que foi eleito alcalde en 2007. Indicou tamén que aínda que xa o tiña decidido anteriormente, xa que sempre creeu na limitación de mandatos, tamén lle axudou a non dubidar nesta convicción cuestións de índole estrictamente persoal, como a súa recén estreada paternidade: "Hai que predicar co exemplo. No concello temos en vigor un plan municipal de igualdade e outro de corresponsabilidade. A miña adicación á alcaldía coa intensidade, o tempo e o vigor que mantiven durante os últimos 12 anos, non é compatible coas necesidades para corresponsabilizarme adecuadamente no coidado e na educación do meu fillo. E esa vai ser para min a miña principal prioridade nos vindeiros anos" e sinala que "tampouco sabería como xestionar o concello doutro xeito, sen esa absoluta entrega e dedicación exclusiva que lle levo prestado cada día".

En canto ao seu sucesor, Rodríguez Méndez declara que no BNG hai un proceso interno aberto a todos os militantes e simpatizantes, do cal vai saír o novo candidato á alcaldía de Castrelo de Miño. Proceso que finalizará e se fará público en próximas datas. O alcalde engadiu que "a nova persoa que opte á alcaldía vai ter todo o meu apoio nesta próxima campaña electoral onde estou convencido de que os veciños lle voltarán a dar o seu apoio maioritario ao BNG, e traballarei os dias que restan con máis forza ca nunca para poder facerlle entrega do relevo do bastón de mando a un novo alcalde nacionalista no próximo mes de xuño, no pleno de constitución da nova corporación municipal".

No momento de facer un breve balance Xurxo Rodríguez dixo que "podemos dicir que no BNG cumprimos con aquel programa electoral que convencera a tantos veciños, e no que explicábamos como sería un Castrelo positivo, un Castrelo para vivir e traballar. Un concello a disposición dos seus veciños e que presta unhos servizos de calidade a un prezo xusto, para que no rural se poidan desfrutar dos mesmos servizos e coa mesma calidade que se prestan no ámbito urbano". Así, refírese as tres grandes apostas que foron as levadas adiante: Polo benestar nun concello rural do interior de Ourense, aposta polo río Miño como principal recurso turístico e aposta pola vitivinicultura como principal recurso socioeconómico, segundo sinalou.

Te puede interesar