O RIBEIRO

O alcalde de Leiro volve encabezar a lista do PP

Baltar destacou o seu labor polo turismo, termalismo e a viticultura

Francisco José Fernández volve a asumir o liderado da lista do Partido Popular en Leiro, optando a un sétimo mandato. “Empezei na política local no ano 1991, como concelleiro, e xa no 1995 cheguei á alcaldía cunha clara idea: aportar o meu grao de área para que o concello mellorase e ofrecer aos meus veciños a calidade de vida que merecen”. Engadiu que “tamén estou convencido de que o labor dun alcalde é unha actuación de carácter máis persoal que transcende as liñas da política”.

O candidato afirma sentirse orgulloso das cousas realizadas ata o de agora, entre as que cita a rede integral de saneamento e depuración no concello ou o centro de día. Non obstante, destaca, un dos logros dos que sinte máis satisfacción “é o feito de que os veciños voltásemos a mirar cara o río”. Refírese o alcalde ás actuacións levadas a cabo no entorno fluvial do río Avia, “a última delas un novo paseo peonil pola marxe dereita que comunica a poboación de Leiro coa área recreativa”.

Entroutros proxectos executados grazas á colaboración coas administracións figura a recuperación do mosteiro de San Clodio, transformado en hotel, ou o “Spa do Viño” situado á beira. Son actuacións que se levaron a cabo co obxectivo de poñer en valor o patrimonio local e o sector económico máis importante do concello como é a viticultura. 

Francisco José Fernández demostrou neste tempo, segundo declarou o presidente provincial do PP, Manuel Baltar na presentación do candidato, “que ten un concepto da política local vinculado ao futuro da comarca e da provincia, por iso loita por aspectos comúns no noso territorio como o turismo, o termalismo ou a viticultura, grandes potenciais de Leiro”.

Te puede interesar