POLÍTICA LOCAL

A área industrial de Ribadavia posúe parcelas sen actividade, di Ribeiro en Común

Este grupo político reclamará a xestur a liberación do solo industrial que foi comprado e non está activo

O grupo municipal de Ribeiro en Común de Ribadavia (ReC) afirma que os datos que ofrece o Concello acerca da ocupación do parque empresarial de San Cristovo "nada teñen que ver coa realidade". Neste sentido, o voceiro desta formación política, Brais Fidalgo apunta que "a dura realidade é que o principal problema de Ribadavia é a falta de emprego e ausencia de expectativas laborais sen ter que emigrar, e, diante desto, o goberno local nada fixo nestes tres anos por liberar o solo industrial existente, que está bloqueado en mans de propietarios que só compraron para especular".

Ribeiro en Común considera que reclamar por parte do Concello unha terceira fase nova no polígono de Ribadavia "é mentirlle aos veciños, e pretender escapar de responsabilidades propias, xa que a Xunta e Xestur teñen manifestado en sede parlamentaria que a súa prioridade é recuperar o solo industrial construído que foi vendido e que aínda non se puxo en funcionamento".

Por elo, Brais Fidalgo adianta que "reclamaremos que Xestur libere con urxencia o solo industrial comprado e non ocupado, a fin de poñelo a disposición de novas empresas que queiran vir a Ribadavia, así como de Gaesa, principal industria asentada no noso polígono".

Te puede interesar