COMERCIO LOCAL

A asociación de comerciantes de O Ribeiro creceu un 20% en cinco anos

Ribadavia. 18-09-2017. Comercio en la Calle Progreso de Ribadavia. Paz
photo_camera Establecementos comerciais e de hostelería, na rúa Progreso. (J. PAZ)

Celebran o 30 aniversario da súa fundación este sábado coa presencia da Real Banda de Gaitas

O colectivo Establecementos Asociados do Ribeiro (EAR) mantén o seu crecemento coma entidade aglutinadora do empresariado da comarca dende a súa fundación, alá polo ano 1987, ata chegar na actualidade ós 130 afiliados. Sobre todo, dende a creación, hai cinco anos, do Centro Comercial Aberto, que lle permite ós asociados unha serie de vantaxes á hora de modernizar o seu negocio, ter acceso a créditos ou tamén proporcionar mellores ofertas ós seus clientes.

Deste xeito, dende o 2012, a asociación constituída en Ribadavia incrementou nun 20% o seu número de integrantes, segundo os datos aportados polos seus responsables, superando incluso a outros centros comerciais  de vilas máis importantes en poboación, coma é o caso do posto en marcha no Carballiño, que ronda o centenar de asociados. Os locales comerciais (nunha porcentaxe do 70%) e de hostelería son os sectores máis senlleiros dentro do colectivo, aínda que na súa diversidade tamén o integran dende adegas productoras de viño a tendas de alimentación, casas de turismo rural e unha fábrica decadaleitos, entre outras empresas.

Ó longo do ano, os establecementos organizan un variado programa de actividades promocionais, como a campaña de  compras na primavera, con descontos para todos os clientes, combinada cunha degustación de tapas nos locales de hostelería de Ribadavia durante dous fins de semana, e que se transformará, no vindeiro outono e máis concretamente no mes de decembro, nun concurso para seleccionar as mellores propostas gastronómicas da vila e da comarca.

Outro evento que acada un gran éxito de público é o desfile de moda, que no pasado mes de maio chegou á súa terceira edición coa participación de 17 comercios e empresas de servizos e complementos, no auditorio do Castelo.

Convite aos asociados na praza Buxán

O vindeiro sábado, 23 de setembro, os Establecementos Asociados do Ribeiro conmemorarán o 30º aniversario da súa constitución. O acto previsto desenvolveráse dende as oito da tarde na praza Buxán de Ribadavia, e estará amenizado pola Real Banda de Gaitas de Ourense. A continuación, no centro social de A Madalena, celebrarase un ágape para socios, autoridades e convidados. O obxectivo é "recoñecer o traballo que entre todos se levou a cabo ao longo destes anos, e que permitiu conquerir unha entidade forte", segundo comenta a directiva. Unha asociación que, engaden, "oferta aos seus veciños e visitantes unha ampla variedade de produtos e servizos".

Te puede interesar