O RIBEIRO

Un autobús percorrerá neste verán varias adegas do Ribeiro

O Bus do Viño foi presentado en Ourense e funcionará ata setembro para a promoción turística

 

A provincia medra

Francisco Fernández, Silvia Dorado, Nava Castro, Jesús Vázquez, Rosendo Fernández e Juan Casares.
Francisco Fernández, Silvia Dorado, Nava Castro, Jesús Vázquez, Rosendo Fernández e Juan Casares.
Un autobús percorrerá neste verán varias adegas do Ribeiro

 O Centro de interpretación das Burgas acolleu ó mediodía de onte a presentación do Bus do Viño do Ribeiro, unha iniciativa promovida conxuntamente polos responsables do Xeodestino O Ribeiro-Carballiño e a Axencia Galega de Turismo para dar a coñecer os recursos naturais e patrimonais da principal comarca vitivinícola da provincia contando coa colaboración do Consello Regulador da Denominación de Orixe. Con saídas programadas entre o 19 de xullo e o 22 de setembro dende a cidade, o autocar percorrerá seis itinerarios que inclúen visitas, varias delas teatralizadas, a diferentes adegas e recursos do patrimonio da comarca como o Castro de San Cibrao da Las, o casco histórico de Ribadavia, Santa María de Castrelo de Miño, o Mosteiro de San Clodio, en Leiro, ou á area termal de Barbantes, entre outros.
A directora de Turismo da Xunta, Nava Castro, salientou os froitos da cooperación institucional no desenvolvemento turístico de Galicia con iniciativas como esta, que permiten que Ourense continúe a crecer. Neste sentido, avanzou o destacado papel que esta provincia está chamada a xogar en varios dos máis importantes proxectos que a Xunta está a elaborar neste eido, como son o futuro Plan Estratéxico de Turismo Rural e o Plan Enogastronómico, dous compromisos que fixou para a actual lexislatura.

A responsable do Goberno autonómico avanzou a vontade de seguir colaborando cos concellos e co sector a través das numerosas liñas de axudas anuais, ademais de convenios como o que posibilita a posta en marcha deste Bus do Viño. Tamén se referiu ao orzamento comprometido coas Rutas do Viños ata 2021, para garantir a organización das Xornadas de Portas Abertas coas cinco denominacións de orixe, un elemento esencial no impulso do enoturismo galego.

Nava Castro estivo acompañada no acto polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o presidente do Xeodestino e tamén rexedor do Concello de Leiro, Francisco José Fernández, e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, Juan Manuel Casares.


A provincia medra


A iniciativa de Bus do Viño é un exemplo da coordenación de actividades "en beneficio dos nosos cidadáns e dos nosos turistas", sinalou a directora de Turismo sobre esta fórmula de traballo pola que aposta a Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento acordado hai un ano entre a Xunta e o sector. Segundo os datos aportados por este departamento autonómico, a provincia de Ourense foi o destino onde máis medrou o número de visitantes nos cinco primeiros meses do ano, un feito que se valora coma un paso importante na consecución dos obxectivos de desestacionalización.
En concreto, o número de turistas nesta provincia creceu un 10% entre os meses de xaneiro e maio do presente ano, cun 5,3% máis de aloxamentos de noite. Tamén foi destacado o auxe do turismo rural, cun 26% máis de aloxados, e o feito de contar cun 4,5% máis de viaxeiros internacionais.