MELLORAS

Avión dedica 94.000 euros para arranxo de camiños

vazquez_avion_result
photo_camera Alcalde e conselleira, no centro da imaxe, durante a visita a unha das obras realizadas.

Medio Rural acomete as obras con cargo ao plan de mellora de viais rurais

A Consellería de Medio Rural achega ao Concello de Avión 94.015 euros para arranxar os seus camiños municipais, a través dos que se comunican os veciños das distintas poboacións. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo alcalde de çAvión, Antonio Montero, e polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, supervisou as obras que se levaron a cabo no Concello de Avión con cargo ao Plan de mellora de camiños municipais que este departamento autonómico desenvolve cada ano na comunidade galega para facilitar a comunicación e mobilidade dos veciños.

No pasado exercicio desenvolvéronse actuacións nos camiños de Rubidón a Acevedo e na zona de Abelenda, en Santo Estevo, por valor de 54.136 euros, cofinanciados polo Feader (75%), a Agader (17,5%) e o Mapama (7,5%). A obra consistiu na renovación do firme e a limpeza de cunetas destas vías. Agora, segundo transmitiu o alcalde, Antonio Montero, a intención do concello será completar o proxecto con cargo ao Plan Marco de camiños de 2017, do que lle corresponden outros 39.879,18 euros.

A conselleira Ángeles Vázquez sinalou que esta é “unha fórmula máis para mellorar a calidade de vida dos veciños do rural”. De feito, estas actuacións están contempladas no Plan de fixación de poboación ata o ano 2020, e que está dotado con un total de 231 millóns de euros. En total, no presente exercicio o conxunto da provincia de Ourense recibirá 3,7 millóns de euros para renovar os seus camiños rurais, segundo manifestou a conselleira. 

Te puede interesar