SERVICIOS | EDUCACIÓN

Castrelo de Miño contará cunha gardería para cinco cativos

Esta "casa niño" será unha das cinco correspondentes ós proxectos aprobados pola Consellería de Política Social para a comarca do Ribeiro

O Concello de Castrelo de Miño está a tramitar a concesión administrativa para a cesión da planta alta da antiga escola da localidade de Prado co gallo da instalación dunha "casa niño" para cativos do municipio.  Esta gardería, que se chamará “Os Paxariños”, forma parte dun proxecto piloto cofinanciado pola Unión Europea e a Xunta e ofrecerá un servizo público de atención á infancia, educativo e asistencial que permite  a conciliación da vida laboral e persoal.

Este programa está dirixido a un total de cinco nenos e nenas con idades comprendidas entre os tres meses e os tres anos, e desenvolverase con carácter gratuíto, na modalidade de atención de día, de luns a venres, durante todo o ano, agás os días festivos e nun mes ao ano, no cal, a "casa niño" permanecerá pechada por vacacións. A atención prestada comprenderá o servizo de cociña (quentar alimentos), a hixiene dos nenos e das nenas e o desenrolo de actividades de tipo educativo. As familias poderán levar os nenos e nenas un máximo de oito horas diarias, nun horario flexible que se pactará coa profesional que presta o servizo.

Esta "casa niño" será unha das cinco correspondentes ós proxectos aprobados pola Consellería de Política Social para a comarca do Ribeiro, dun total de 17 na provincia e 30 en toda Galicia. Concretamente, tamén se porán en marcha este tipo de garderías en Cenlle, Leiro, Cortegada e Carballeda de Avia. A primeira en abrir o prazo de inscripción, que se pechará o vindeiro día 20, é "A Brincadeira", ubicada na antiga casa rectoral da parroquia de Laias, no municipio de Cenlle. 

Te puede interesar