CITA GASTRONÓMICA

Castrelo de Miño acolle a súa Festa da Anguía

A celebración coincide ata o luns coas patronais da Virxe das Neves

Castrelo de Miño acolle a súa Festa da Anguía

O campo de Barral voltará a ser o escenario da 24ª edición da "Festa da Anguía de Castrelo de Miño", que se celebrará dende hoxe e ata o vindeiro luns nesta paraxe situada á beira do encoro  fluvial. Un festexo que para os veciños desta parroquia terá o aliciente de estrear a Casa da Anguía, un centro social no que desenvolver as súas actividades, e, entre elas, a preparación das anguías fritas ou en empanada que lle dan fama ó municipio.

Deste xeito, tódolos días acenderán as sarténs para fritir os peixes e distribuilos en racións para as decenas de persoas que pasarán polo lugar nestas xornadas de exaltación gastronómica. A organización conta con vender 1.500 kg de anguía nesta edición. Cada día, dende as 19,00 horas, ós visitantes que se acheguen ata Barral poderán degustar o suculento manxar nas mesas instaladas pola organización, na compaña de viños da Denominación de Orixe Ribeiro. 


Festas das Neves


A parroquia de Barral tamén celebra nesta mesma fin de semana as súas festas patronais na honra da Virxe das Neves, cunha programación que vai parella á propiamente gastronómica e que está pensada para maiores e pequenos. Os actos previstos comezan hoxe sábado, cun pasarrúas da charanga Brisas do Miño á primeira hora da mañá, mentres que pola noite, os participantes na cita culinaria tamén teñen a oportunidade de disfrutar dunha animada verbena que correrá a cargo da orquestra portuguesa Cordosón e o grupo Despacito. O baile e a troula durarán ata que o corpo aguante e a música non deixe de soar. Na xornada do domingo, a Agrupación Musical da Limia percorrerá as rúas de Barral e será a encargada de despertar aos veciños máis dormilóns. O pasarrúas será antes da misa solemne e da tradicional procesión que se levará a cabo no mesmo campo da festa, para logo ofrecer un concerto aberto a todos os veciños e visitantes. Dende as sete da tarde, como cada día, xa se poderán probar as anguías, grandes protagonistas, e continuará o programa de bailes e animación musical a cargo das orquestras Passarela e Ciudad de Vigo, xa pola noite. A última xornada das festas, o luns, contará coa presenza do grupo Xoldra para clausura a edición deste 2018.