Castrelo de Miño perde a axuda do Plan Provincial para o 2018

O PSOE sinala que Castrelo vese obrigado a renunciar a importantes inversións que lle corresponderían dentro do programa de cooperación municipal por "non facer as cousas como deberían ser feitas, mirando polo ben dos veciños e non polo propio"

O Partido Socialista de Castrelo de Miño denuncia que o concello non pode recibir este ano as axudas correspondentes ós Plans Proviciais que se reparten entre todas as parroquias da provincia cada ano. Catalina González, a portavoz do PSOE na zona, afirma que esto está provocado "pola mala xestión económica levada a cabo por Xurxo Rodríguez como alcalde", asegurando, ademáis, que Castrelo vese obrigado a renunciar a importantes inversións que lle corresponderían dentro do programa de cooperación municipal por "non facer as cousas como deberían ser feitas, mirando polo ben dos veciños e non polo propio". 

A portavoz considera "unha burla" que sexan os veciños os que teñan que pagar por esta situación, afirmando que "lévase moito tempo malgastando o seu diñeiro". Con esas axudas económicas prevíase cubrir carencias de servizos básicos municipais, como son o arranxo de camiños e accesos, a mellora de beirarrúas ou actualizacións de instalacións municipais, mellora de espazos públicos, traballos na rede de abastecemento ou saneamento, arranxo de edificacións en mal estado e outras necesidades que teñen os veciños e a parroquia en xeral. 

Tamén recorda que,  dende a Secretaría de Intervención, tense sinalado que a xestión das arcas é moi deficiente e que non se está a cumprir a regra de gasto pautada. Asegura que estas deficiencias foron advertidas "na tramitación dos Presupostos nas que se facía unha previsión de ingresos irreal e unha previsión de gasto que debería reducirse". Catalina González chama ó sentido común, e pide ó goberno que tome medidas e se faga responsable das consecuencias que terá esta situación para o concello no vindeiro ano. 

Te puede interesar