ACONDICIONAMIENTO

Cenlle avanza no proceso da humanización da localidade

O Concello acondicionará a Praza da Tenencia, cunha inversión total de 94.630 euros

O Concello de Cenlle abordará en próximas datas a segunda fase do seu proxecto de embelecemento e humanización do centro da localidade. Un convenio de colaboración coa Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio permitiralle acondicionar a Praza da Tenencia, cunha inversión de 94.630 euros e que asume na súa totalidade a Administración autonómica.

Trátase dunha actuación recollida no marco do Plan hUrbe para intervir neste espazo público no que existe un cruceiro e a igrexa.Ambos elementos están catalogados como bens de interese cultural (BIC), polo que o Concello ultima agora o proxecto con Patrimonio, que lle requeriu a realización de algunhas modificacións nas obras.

O ámbito de actuación o constitúe unha superficie de 1.840 metros cadrados, de forma rectangular, que linda polo sueste coa estrada provincial OU-0303, de Val de Pereira (OU-211) a Maside, e que dá entrada e saía ao núcleo de Cenlle. 

O proxecto contempla a reestruturación integral da praza, respectando os elementos existentes e aumentando as áreas peonís, acoutando as zonas de circulación e aparcamento de vehículos. Trátase da renovación e ampliación de pavimentos, renovación da rede abastecemento de auga para as vivendas, dotación de rede de iluminación pública e mobiliario urbano, e tamén o soterrado do cableado aéreo.

O alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, destacou a importancia destas obras como "algo moi necesario", despois da primeira fase executada que consistiu no acondicionamento do parque infantil que hai na mesma Praza da Tenencia, no que se cambiaron os xogos, se colocou solo de caucho, xa que antes estaba en area, e se fixo un vallado perimetral. A inversión fora de 12.000 euros, con cargo a Consellería de Vicepresidencia.

En canto a esta nova fase, Gabriel Alén declarou que está previsto retrasar as obras ata finais de agosto, despois da celebración das festas.

As melloras continuarán o próximo ano

O proxecto de acondicionamento da Praza da Tenencia é unha posta en valor como espazo social, cultural e economicamente activo, pero coa súa execución tamén se promoven actuacións orientadas a mellorar a seguridade viaria e peonil, a accesibilidade e a supresión de barreiras arquitectónicas,
co fin de mellorar o benestar dos veciños.

A reforma do centro urbano comezaba o pasado ano coa dotación de novas beirarrúas en diversos tramos que non existían ao mesmo tempo que se acondicionuo o firme da rúa desde o centro de saúde ata o final do núcleo urbano, e se retirou o cableado aéreo de electricidade e telefonía. O alcalde, Gabriel Alén, declarou que xa ten en proxecto para o próximo ano reformar os tramos nos que xa había vellas beirarrúas e mellorar a Praza da Cruz.

Te puede interesar