O RIBEIRO

O Concello de Ribadavia salda as débedas co persoal laboral

O montante global ascende a 24.000 euros e son un total de 64 os empregados públicos afectados

A existencia de liquidez nas arcas municipais permitirá saldar co personal laboral do Concello de Ribadavia as cantidades que se lle están a deber por concepto de trienios a algúns traballadores. Segundo fontes do goberno municipal, "o montante global ascende a uns 24.000 euros, e son 64 os empregados incluídos, se ben a algúns débenselle un trienio e a outros tres ou catro dos últimos anos de servizo". O Concello xa comezara a negociar cos traballadores o ano pasado, pero non foi ata este intre no que se chegou ó acordo de abonarlles un 50% dese total no presente exercicio económico, quedando a cantidade restante para 2018.

Tendo en conta que nos orzamentos do ano actual xa estaba consignada unha partida de 5.000 euros, insuficiente para afrontar a metade da débeda, a xunta de goberno local aprobou onte unha modificación de crédito de 10.000 euros. Os 15.000 euros resultantes darán cobertura tamén a aqueles operarios que aínda non presentaron a documentación requerida polo Concello, concretamente, as súas historias de vida laboral.

As mesmas fontes do equipo de goberno apuntaron que "o obxectivo é que paso a paso, o personal laboral se vaia equiparando cos funcionarios nunha época de crise económica". Autoridades e sindicatos plasmarán o acordo acadado nun documento, e calculan que no mes de setembro os traballadores xa poidan percibir as cantidades fixadas para este ano, unha vez remate o prazo de exposición pública da modificación aprobada.

Dende o grupo de goberno destácase a xestión realizada nos últimos dous anos a nivel de balance económico, "xa que se logrou reducir a débeda municipal e agora podemos afrontar determinados gastos", así como o traballo realizado polas brigadas de traballadores nos últimos meses. 

Te puede interesar