festivos

O Concello xustifica a supresión do Martes de Entroido como festivo en Ribadavia

O goberno municipal considera que nos últimos anos o entroido está sufrindo un declive en canto a afluencia

O concello de Ribadavia xustifica a eliminación do Martes de Entroido como día festivo, en favor do día 30 de abril, tralas críticas suscitadas por tres agrupacións. O grupo de goberno asegura que a decisión deste cambio foi aprobada en sesión plenaria sen ningún voto en contra, e por prazos administativos non se podía dar marcha atrás á decisión tomada. Afirma tamén que valoran a reivindicación destas asociacións pero que outro colectivo veciñal máis numeroso (con máis de 300 persoas asinantes) solicitou este cambio. 

O factor detonante é que, segundo o goberno municipal, nos últimos anos, o Entroido na vila está sufrindo un declive en canto a afluencia. Pola contra, outros eventos culturais como é a Feira do Viño do Ribeiro, ubicada nas datas que con este cambio son agora  festivas, atrae a máis xente tanto da vila como de fóra e demanda máis medios para o seu funcionamento. 

O concello lamenta as protestas que está a producir este cambio, pero considera que é en favor de toda a veciñanza. Asegura que se no vindeiro ano se aprecia que o interese e a participación cidadá polo Entroido vai en aumento, serán os primeiros en apostar de novo por potenciar a festividade nesas datas. Din tamén que, nese caso, asumirán que houbo un erro de comunicación con esos colectivos e que se abrirá un proceso de diálogo. Independentemente de que sexa festivo ou non, esperan dende o grupo de goberno que se manteñan as actividades do Entroido.

Te puede interesar