COMERCIO LOCAL

Crece a oferta do mercado de Ribadavia con tres negocios

Ribadavia. Praza de Abastos

O Concello adxudicou onte sete postos da Praza de Abastos que darán emprego a oito persoas

O Concello de Ribadavia adxudicou onte sete postos que estaban pechados da Praza de Abastos. Tres serán ocupados por un bodegón, outros tres serán para a venda e distribución de pizzas e o restante destinarase á fabricación de produtos elaborados. A inversión prevista para a posta en marcha destes novos negocios ronda os 46.000 euros, e xerarán oito postos de traballo.

Tras este proceso, prácticamente a totalidade da Praza de Abastos de Ribadavia queda ocupada na súa parte inferior, onde só quedan dous espazos libres, mentres que na primeira planta só hai dispoñible un.

O goberno municipal manifesta a súa satisfacción por o que considera unha boa noticia para o comercio local "porque implántanse novos negocios que supoñen a creación de oito postos de traballo de nova creación, á vez que se axuda a dinamizar e reactivar o mercado tradicional da Praza de Abastos, tal e como se ven facendo nos últimos anos", sinala.

Os responsables municipais destacaron o esforzo realizado, actuando o concello como impulsor "para que estes pequenos negocios se poidan implantar, empregando esa mediación e axuda, ao marxe de temas burocráticos que hai que cumprir e que se solicitaron por parte dalgún grupo da oposición. Esto permite que os veciños que realmente están interesados se animen a participar e concursar cos seus proxectos". O alcalde, Ignacio Gómez, referíase a que o concello sempre apoiou e animou aos emprendedores para que ocupasen este establecemento, dando todas as facilidades e ofertando a Praza de Abastos como unha zona atractiva para os seus negocios.

Para o rexedor esa xestión foi fundamental, con independencia de que se acordara convocar o concurso público a petición do grupo municipal Ribeiro en Común. O portavoz desta formación, Brais Fidalgo, declaraba que "este concurso público foi posible grazas á demanda de Ribeiro en Común fronte ao criterio do alcalde que en 2017 non quería un concurso aberto e público". Tamén engade que "no momento actual de reivindicación que vive o comercio, esta noticia dá certa esperanza de que Ribadavia pode mellorar. Queremos mostrar un agradecemento profundo e sincero con todos aqueles que deciden investir e apostar por Ribadavia, e en especial no mercado municipal".

O concello tamén anuncia que o próximo 25 de febreiro abriranse as ofertas que se presentaron para optar ao local situado no baixo da Alameda.n

Te puede interesar