O RIBEIRO

Educación amplía aulas no Instituto O Ribeiro

photo_camera O Instituto O Ribeiro, ubicado na vila cabeceira de comarca de Ribadavia.

O presuposto de execución do proxecto supera os 450.000 euros 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria licita as obras de ampliación do Instituto O Ribeiro, en Ribadavia, ás que destinará preto de 450.000 euros. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a resolución, anunciando a licitación da contratación para a execución do proxecto.

As intervencións previstas levaranse a cabo na planta baixa dos dous edificios existentes. Na ala noroeste do edificio principal están situadas actualmente a
aula de informática, ademais da cafetería e a aula de audiovisuais, que se trasladarán ao segundo edificio. Desta forma, disporase de espazo suficientes para habilitar cinco aulas novas de aproximadamente 45 metros cadrados útiles ó mesmo tempo que se ampliará en dimensións a de informática.

Outras intervencións contempladas no proxecto serán no segundo edificio, onde se procederá a pechar o soportal exterior cuberto da planta baixa para situar a cafetería e a zona de servizos da mesma, composta por cociña, almacén e un aseo. Por outra banda, crearase unha zona de aseos, así como unha aula de audiovisuais e dous seminarios. Exteriormente, farase un novo espazo cuberto, anexionado á fachada sur do edificio.

As obras darán comezo no verán para non interferir na actividade docente e cofinanciaranse a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80%, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

A comunidade educativa de Ribadavia tamén solicitou arranxos na escola infantil, pero de momento non obtiveron a resposta desexada, segundo informou.

Te puede interesar