OBITUARIO

Fernández Albor, o último papel de Ernesto Chao nunha serie da pequena pantalla

A Academia de cine lamenta a súa morte e recorda o seu papel en películas como "María (y los demás)" ou "Migas de pan"

Ernesto Chao.
Ernesto Chao.
Fernández Albor, o último papel de Ernesto Chao nunha serie da pequena pantalla

Ernesto Chao foi un deses actores galegos que, no ámbito audiovisual, deu o salto dende Galicia ao panorama nacional. Así, a súa última participación en televisión foi na exitosa serie Fariña, na que interpretou ao recén finado primeiro presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor. Unha das escenas que fixo Chao tiña lugar durante unha reunión de contrabandistas en Portugal. 

"Un señor actor"

Compañeiros da serie sobre o narcotráfico galego como Tristán Ulloa ou Xosé Antonio Touriñán manifestaron a través das redes sociais a súa mágoa polo falecemento do actor. " Se fue un señor actor. Fue un placer conocerte y trabajar a tu lado", escribiu Ulloa. Touriñán recordouno como "o mestre, o compañeiro, o amigo".

A Academia de Cine tamén lamentou a morte do actor, recordando o seu papel no cine en películas como "María (y los demás), "La playa de los ahogados" e "Migas de pan". Outras das longametraxes nas que participou e que lle valeron o recoñecemento do público foron "Esperanza", de Chano Piñeiro, ou "La hora Bruja", de Jaime de Armiñán. 

Na pequena pantalla tivo un currículo que inclúe papeis en series españolas tan míticas como "Aquí no hay quien viva", "El comisario", ou "Cuéntame cómo pasó".