O RIBEIRO

Finalizan as obras na intersección de Beade

Esta dotación mellora a seguridad nunha zona de alta densidade de circulación

A Xunta de Galicia ven de rematar as obras de acondicionamento na intersección que da acceso á Mancomunidade do Ribeiro. A actuación iniciouse hai catro meses co obxectivo de mellorar a seguridade deste vial ubicado no Concello de Beade polo que se accede ao punto limpo e á planta de transferencia.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada pola maioría dos alcaldes dos concellos pertencentes á Mancomunidade, pola xefa territorial de Infraestruturas e Vivenda, Alicia López e por técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, supervisou estes traballos realizados, concretamente, no punto quilométrico 5+609 da estrada OU-504. A obra contou cunha partida de 150.000 euros.

O proxecto responde a unha solicitude realizada polos propios veciños da zona e polos membros da Mancomunidade do Ribeiro, na que se reclamaba un incremento da seguridade nese emprazamento que soporta unha cantidade importante de vehículos.

Os traballos consistiron na execución dun carril central de espera e dunha semiglorieta para facilitar o cambio de sentido. Esta estrada conta con viais de servizo polo que non foi necesario realizar expropiacións, xa que o dominio público foi suficiente para a realización das obras.

A delegada territorial, Marisol Díaz, sinalou que estas actuacións "forman parte do Plan de reforzos de firme", no que o Goberno Galego continúa a traballar co obxectivo de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións. A finalidade deste plan é o de incrementar a seguridade viaria e de proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

Dende a Consellería de Infraestruturas e Vivenda sinalan que, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, se están a realizar importantes esforzos en materia de conservación de estradas con actuacións que non soamente se limitan ás tarefas ordinarias de conservación se non que, ademais, se complementan con obras de conservación "extraordinarias".

A empresa adxudicataria foi Misturas Obras e Proxectos.

Te puede interesar