RECOÑECEMENTO

Homenaxe ás empresas que etiquetan en galego

<p></p>
photo_camera Xosé Carballido diríxese aos asistentes ao acto en Esposende.

As empresas premiadas este ano foron a adega "O Alborexar", de Castrelo de Miño, e a queixeira "Hoxe", de Lalín

A Asociación Álvaro das Casas entregou onte na adega do Pazo dos Ulloa, na localidade ribadaviense de Esposende, os premios Bacelos de Prata, que concede anualmente ás empresas galegas que comercializan productos de calidade e fan a etiquetaxe en galego. Nesta edición as empresas homenaxeadas foron a adega "O Alborexar", ubicada na localidade de Cortiñas, en Castrelo de Miño; e a cooperativa queixeira "Hoxe", de Lalín.

O acto estivo presidido polo secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a concelleira de Cultura de Ribadavia, María López Touza; o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Juan Manuel Casares; o presidente da Asociación Álvaro das Casas, Avelino Muleiro; e o presidente da Irmandade Galega de Adegueiros e Agroalimentarios, Xosé Carballido, que foi o encargado de presentar e dirixir o acto.

Avelino Muleiro resaltou o labor das dúas empresas premiadas este ano, afirmando que co seu traballo "fan patria". Fixo un percorrido pola figura de varios escritores universais, desde Descartes a Rilke, "xente que identificou a patria coa linguaxe", reforzando deste xeito a afirmación de que tanto a adega "O Alborexar" como a queixeira "Hoxe"facían patria ao comercializar produtos de calidade e utilizando o galego na etiquetaxe.

Logo da intervención de Avelino Muleiro, a Coral do Avia ofreceu un pequeno concerto para os asistentes. Pola súa banda, o presidente do Consello Regulador do Ribeiro, Juan Manuel Casares, felicitou ás dúas empresas galardonadas, procedendo a entregar o diploma e a medalla aos responsables de "O Alborexar". Pola súa parte, o secretario xeral de Política Linguística, Valentín García, entreou o galardón aos representantes de "Hoxe".

O secretario xeral pecharía o acto, encomiando ás empresas premiadas, “unha adega de xente nova, que aposta pola vitalidade do rural e polo mimo na elaboración e na presentación dun produto con denominación de orixe Ribeiro, e unha queixería, cuxa opción pola calidade e pola difusión publicitaria en galego a fixo presente tanto no pequeno comercio coma nas grandes áreas. Elas son a mellor carta de presentación para un idioma que o consumidor percibe cada día máis como mostra de autenticidade”, asegurou Valentín García.

Te puede interesar