A maleza supón unha ameaza para casas e colexios de Ribadavia

O grupo municipal Ribeiro en Común lembra ao alcalde a obriga de facer cumprir a ordenanza aos particulares

O grupo municipal Ribeiro en Común reclama ao alcalde de Ribadavia que faga cumprir a ordenanza de limpeza de fincas e terreos privados para a prevención de incendios. Faino a través dunha moción a que lembra a obriga que teñen os particulares de manter as súas fincas limpas. Así, "ao noso grupo cónstanlle numerosas solicitudes e peticións veciñais de fincas que se atopan en estado de abandono e ao lado de vivendas", manifesta o portavoz, Brais Fidalgo.

Deste xeito, sinala que están sen desbrozar propiedades no casco histórico, fincas colindantes co Instituto e o Colexio público, ou mesmo colindantes con monumentos. Algúns dos casos salientables que identifica Ribeiro en Común son a finca colindante co Colexio público e o IES Ribeiro pertencente a unha entidade bancaria, ou a finca veciña á Granxa do Outeiro, en Francelos. Finca que ten en marcha un proxecto importante de reforma e posta en funcionamento dun hotel rural e que se ve perxudicada pola colindante en estado de abandono polos seus propietarios.

O portavoz do goberno socialista, Javier Iglesias, declara que están notificando a obriga de limpar, pero que o concello ten escasos recursos polo que pedirá ao pleno instar á Consellería de Medio Rural para que colabore. "Temos que ser máis agresivos pero necesitamos apoio supramunicipal", manifestou. 

Te puede interesar