SERVIZOS

A Mancomunidade do Ribeiro reforza a recollida de lixo

OURENSE. 20.09.2017 BEADE, EDIFICIO MANCOMUNIDAD CONCELLOS DO RIBEIRO. FOTO: MIGUEL ANGEL
photo_camera Parque de maquinaria móvil na sede da Mancomunidade, en Beade. (M. ÁNGEL)

A compra de dous novos camións para este servizo supón un investimento de 200.000 euros

O parque de maquinaria móvil da Mancomunidade de Concellos do Ribeiro verase incrementado coa compra de dous camións destinados ó servizo de recollida de lixo, que esta institución presta nos municipios asociados, que son Arnoia, Beade, Cenlle, Cortegada e Leiro. Deste xeito, a presidencia da mancomunidade vén de aprobar o proceso licitatorio e pregos de condicións para a contratación da subministración do primeiro dos vehículos, un compactador de residuos sólidos urbanos cunha capacidade de 12.000 litros en volumen.

"Este camión substituirá a un vello que xa non se pode utilizar e ten un custe de 137.000 euros", apunta o presidente do ente comarcal, Francisco José Fernández. Asemade, o tamén alcalde de Leiro adianta que "tamén mercaremos outro camión de  caixa para carga, que suporá un investimento aproximado de 60.000 euros, para reforzar a recollida de residuos nos cinco concellos".

Así, o parque de vehículos deste servizo quedará integrado por sete camións compactadores, dous de caixa intercambiable, outro lavacontedores  e unha cabeza tractora de arrastre, que son manexados por un total de cinco operarios. A esta maquinaria e efectivos humanos para a recollida de lixo hai que sumar as 16 unidades de maquinaria que están destinadas ó servizo de extinción de incendios forestais, no que traballan cinco conductores e peóns, ademais das brigadas que son contratadas con carácter temporal nos municipios mancomunados ó longo do verán.

O servizo de recollida de lixo compleméntase, nas instalacións que posúe a mancomunidade na localidade de Beade, cunha microplanta de transferencia de residuos, integrada no convenio de colaboración entre a Deputación provincial e Sogama, e un punto limpo reservado para a almacenaxe de residuos reciclables como papel, cartón, vidro, latas e envases.

O orzamento de gasto anual para o transporte de residuos dende os cinco municipios ata a planta de Beade supuxo un montante total de 275.000 euros o ano pasado, cantidade que aportan os respectivos concellos segundo a súa poboación e distancia, e que foi inferior en 18.000 euros á correspondente a 2015.

A Mancomunidade do Ribeiro abarca unha superficie aproximada de 120 kilómetros cadrados, e nos cinco municipios reside un total de 5.500 persoas.

Te puede interesar