O RIBEIRO

O Museo do Viño de Ribadavia verá a luz trinta anos despois

A Consellería de Cultura licitou as obras do proxecto expositivo cun orzamento de 713.640 euros

 

A antiga casa rectoral da parroquia de Santo André de Camporredondo, en Ribadavia, convertirase no Museo do Viño de Galicia cando abra finalmente as súas portas no ano 2019, trinta anos despois de que unha escola obradoiro deste municipio iniciase no inmoble os primeiros traballos de rehabilitación. Así o anunciou onte o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, durante una visita realizada ó edificio, xa que o seu departamento vén de publicar a licitación da fabricación e instalación do proxecto expositivo deste centro, por  un importe aproximado de 713.640 euros.

Segundo explicou o conselleiro, o avance deste proxecto é posible grazas ao acordo acadado entre a Xunta e a Diócese de Ourense para prorrogar a cesión deste edificio ao Goberno autonómico durante outros 25 anos máis, tendo en conta que en 2018 expira o prazo de 30 anos de traspaso ó Concello de Ribadavia por parte do Obispado para a apertura do museo. Según apuntaron fontes da Concellería, o obxectivo é que este centro "sexa o encargado de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia, e que estea en funcionamento no ano 2019".

O contrato que se acaba de licitar ten como obxecto a execución das tarefas de subministración, e no seu caso fabricación, de todos os elementos museográficos, incluída a sinaléctica de orientación e produción gráfica e audiovisual. Contempla, ademais, a colocación, instalación, transporte, montaxe, axustes, posta en marcha e comprobación do bó funcionamento de todos os elementos.

Así mesmo, están incluídas as obras derivadas da implantación dos equipos museográficos que sexan necesarios para o correcto desenvolvemento e remate da subministración. A realización de todas as tarefas permitirá rematar o proceso de posta en marcha do museo e a súa apertura ao público.

O conselleiro de Cultura estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o bispo de Ourense, Leonardo Lemos; a directora xeral de Patrimonio, María Carmen Martínez, e representantes de municipios do Ribeiro e do Consello Regulador da Denominación de Orixe, entre outros. 

Te puede interesar