OBRAS

Patrimonio valida o novo acceso a Santo Domingo

O pavimentado do templo ribadaviense inclúe rede de abastecemento

Accesos á igrexa parroquial de Ribadavia que serán obxecto de pavimentación.
Accesos á igrexa parroquial de Ribadavia que serán obxecto de pavimentación.
Patrimonio valida o novo acceso a Santo Domingo

A primeira fase do proxecto de pavimentación dos accesos ó adro e á igrexa parroquial de Santo Domingo de Ribadavia recibiu o visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio e as obras xa poderán comezar antes de finais deste mes de xullo, segundo apuntaron dende o Concello. Estes traballos consistirán na colocación de pedra de granito de tipo tostado no tramo esquerdo da calzada que comunica a rúa Extramuros co conxunto artístico de Santo Domingo, dunha lonxitude superior ós 100 metros.

"A execución do proxecto xa foi adxudicada e o prazo de remate está fixado inicialmente en tres semanas, se ben contemplamos tamén que Aqualia, a concesionaria de augas, instale unha canalización para o abastecemento", comenta o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez. Deste xeito, as obras prolongaríanse durante un periodo aproximado dun mes, ata completar as previsións constructivas, ata finais do vindeiro mes de agosto, cun orzamento aproximado de 55.000 euros.

Por outra banda, o Concello de Ribadavia está á espera de recibir comunicación de Patrimonio sobre a segunda fase do proxecto, vencellado ó tramo dereito da calzada e que suporá un investimento de 25.000 euros, máis reducido ó encargarse da execución a propia brigada de operarios municipais. O tipo de pedra pensado para este adoquinado será semellante, polo que no Concello espérase que os técnicos de Patrimonio tamén aproben esta segunda iniciativa.

A catalogación do conxunto histórico-artístico de Santo Domingo como Ben de Interese Cultural obriga a solicitar unha autorización expresa das autoridades autonómicas para a realización de calquera obra. Neste mesmo sentido, tamén se prevé a construcción dun novo asilo para persoas maiores na contorna do convento adxunto á igrexa parroquial, e os responsables de Patrimonio xa levaron a cabo catas arqueolóxicas na zona.