O RIBEIRO

O pleno de Ribadavia aproba instalar LED en San Cristovo e Francelos

20190315182918384_result
photo_camera A Corporación municipal de Ribadavia.

A inversión prevista ascende a 118.996 euros, dos que o 20% corresponderán a fondos municipais

A Corporación municipal de Ribadavia celebrou este venres un pleno extraordinario para validar por unanimidade o Proxecto de Aforro e Eficiencia Enerxética en Francelos e San Cristovo, ao mesmo tempo que se adoptou o compromiso de que no caso de resultar concedida a subvención, o concello comprométese a complementar o importe restante para a súa execución.

O proxecto tramítase ante o IDAE (Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía), entidade adscrita ao Ministerio para la Transición Ecológica, cun custo total que alcanza os 118.996 euros, dos cales o 80%, 95.196 euros, esperan as autoridades locais que sexa subvencionado, mentres do 20% restante faranse cargo as arcas municipais.

Este proxecto afecta ás estradas e os pobos de Francelos e San Cristovo e o seu principal obxectivo é cambiar as luminarias existentes por outras novas de tecnoloxía LED de última xeración, o que implicaría un aforro de consumo mensual do 30% na factura eléctrica, pudendo chegar ata o 50% nos meses de inverno que é cando hai menos luz solar, posto que os farois consumen menos cando levan máis de catro horas prendidos, segundo manifestaron os responsables municipais.

A actuación global afectará a 218 luminarias e significará, non só unha mellora da iluminación, xa que gran parte dos farois presentan un deterioro considerable nos difusores o que impide que funcionen a pleno rendemento, senón que tamén se gañará a batalla contra a contaminación luminosa, engadiron.

Esta iniciativa súmase a outra acción, aprobada no pasado mes de setembro, solicitada ao IDAE, e que consiste no cambio da iluminación da fachada e zonas interiores do Castelo, e que está pendente de resolución, aínda que desde o Concello de Ribadavia están convencidos de que terá unha resolución positiva posto que con anterioridade xa existía un compromiso previo para facer a aportación que lle corresponde e para que  puidera optar a máis axudas.

Ademais de esta actuación, a institución local reafírmase na liña de traballo de mellora da iluminación de todo o municipio, que ven a complementar o proxecto piloto de todo o pobo de A Franqueirán, a substitución dos farois en Sampaio, no casco urbano, e noutras localidades. Cando remate a execución destes proxectos do IDAE, o concello tería mellorado máis do 40% do total dos puntos de iluminación do municipio, que alcanzan 2.104 en total.

Te puede interesar