CONCELLO

O PP reclama ao goberno local de Ribadavia máis atención ao rural

Segundo o portavoz do grupo popular, César Fernández, “estamos ante unha mostra máis do abandono"

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia ven de presentar unha solicitude no rexistro municipal instando ao goberno socialista de Ribadavia ao acondicionamento inmediato do camiño que une as localidades de Sanín coas Chabolas pasando polo Seixo. A infraestrutura, moi utilizada pola veciñanza destes pobos, ten unha fenda no firme que ocasiona numerosas molestias e que supón un perigo para os usuarios.

Segundo o portavoz do grupo popular, César Fernández, “estamos ante unha mostra máis do abandono ao que o goberno socialista ten sometido ás localidades do rural de Ribadavia", e engade que trátase dun "abandono que é mostra inequívoca de que nos atopamos ante un goberno esgotado, sen ideas e incapaz de resolver os problemas da veciñanza."

César Fernández, sinalou que “coa actitude do goberno municipal establécese unha clara discriminación á poboación destas localidades, que son esquecidas e abandonadas permanentemente por parte do goberno municipal.”

O concelleiro de Obras, Javier Iglesias Sendín, declaraba que a fenda foi feita por un camión ou tractor cunha carga considerable, e que o Concello xa ten identificado ao conductor. Engade que se fará unha valoración dos danos para reclamarlle os gastos aos responsables dos mesmos. 

Te puede interesar