POLÍTICA LOCAL

O PP reclama a reparación de varias fontes de Ribadavia

Esta demanda ten sido reiterada en "numerosas ocasións pola oposición" a través da quenda de rogos e preguntas en diferentes plenos

O grupo municipal do Partido Popular de Ribadavia presentou unha moción para o seu debate no pleno do mes de xuño instando ao goberno municipal ao inmediato arranxo, acondicionamento e posta en funcionamento de varias fontes da vila. Entre elas, "a fonte da arrastrada, a fonte de dous canos, a fonte do parque robla, a fonte que en campaña electoral de 2011 se fixera e que nunca chegou a ter auga, así como as fontes existentes na área recreativa de A Veronza", segundo explican nun comunicado. 

Esta demanda ten sido reiterada en "numerosas ocasións pola oposición" a través da quenda de rogos e preguntas en diferentes plenos, pero de momento o goberno non ten afrontado esta petición.

Segundo o portavoz do grupo popular, César Fernández, “consideramos que o arranxo e posta en funcionamento destas fontes, ademais de dar un servizo á cidadanía, melloran a imaxe do noso concello, unha imaxe que compre mellorar cando nestas datas estivais aumenta a afluencia de visitantes a Ribadavia". 

Posición do goberno

Segundo explica César Fernández, dado que non se arranxaron as fontes en cuestión, os populares "entendemos que debe ser o pleno do Concello de Ribadavia o que se posicione sobre esta cuestión, deste xeito, poderemos coñecer a posición do grupo de goberno sobre esta cuestión xa que, en definitiva, será o goberno municipal o encargado e responsable único da execución deste acordo no caso de que o mesmo se adopte pola maioría da Corporación municipal".

Te puede interesar