premio

O Premio Abrente será este ano de 3.500 euros

Ribadavia. 23-07-16. Provincia. Mostra de teatro de Ribadavia. Actuación no Castelo.
Foto: Xesús Fariñas
photo_camera Público durante unha das representacións da Mostra Internacional de Teatro, en 2016.

Aumenta en 500 euros e tamén se elimina a posibilidade de compartilo

O Premio Abrente para Textos Teatrais chega a súa 12ª convocatoria, dentro da programación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), con novidades importantes como o incremento da súa dotación a 3.500 euros, 500 máis ca nas pasadas edicións; e ademais, estipulando nas súas bases que se trata a partir de agora dun premio “único e indivisible”, a raíz de que o ano pasado o xurado decidira repartilo entre dous autores.

O incremento da dotación económica supón reaxustar o orzamento do festival, segundo indican desde a dirección do evento, "pero é unha clara aposta pola dramaturxia galega e polo fomento da actividade de dramaturgos, un dos valores esenciais do teatro galego actual", matiza.

Poderán optar ao premio todos os autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada ata a data de resolución desta convocatoria, sempre que estea escrita en lingua galega.

A organización reservará por un prazo de doce meses os dereitos de edición e representación da obra e igualmente a MIT poderá promover a produción ou coproducións para a escenificación da peza premiada. O prazo de admisión de orixinais remata o día 23 de xuño e a decisión do xurado darase a coñecer publicamente en xullo de 2017, no contexto da XXXIII Mostra Internacional de Teatro. 

Te puede interesar