SEGURIDADE

As presas de Albarellos e Castrelo proban a alarma

A serea activarase o luns e o martes da próxima semana (24 e 25 de abril) entre as 9,00 e as 18,00 horas

As presas de Castrelo e Albarellos realizarán a próxima semana unha proba do sistema acústico dos seus plans de emerxencia para avaliar o seu correcto funcionamento e para dar a coñecer o seu son á poboación do contorno. No caso de Castrelo, son os concellos de Castrelo do Miño, Ribadavia e Arnoia; e, no caso da presa de Albarellos, os concellos de Boborás, O Carballiño, Leiro, Cenlle, Beade e Ribadavia. 

En concreto, a serea activarase o luns e o martes (24 e 25 de abril) entre as 9,00 e as 18,00 horas. Trátase unicamente dunha proba, polo que non afectará aos veciños, que poderán seguir coa súa actividade diaria.

Con estas actuacións búscase acadar dous obxectivos: garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas afectadas sexa capaz de recoñecer o son da serea de aviso de evacuación en caso dunha emerxencia, segundo informa a Delegación Territorial da Xunta. 

Te puede interesar