MÚSICA

Ribadavia acolle o Arteficial

A romaría da música e da cultura alternativas achegará o día 1 de setembro á capital do Ribeiro cun total de 10 concertos en directo e actividades parellas nas rúas e prazas do conxunto histórico

Blanca Selas, María López e Rafael Otero, con cartaces do festival, na Madalena.
Blanca Selas, María López e Rafael Otero, con cartaces do festival, na Madalena.
Ribadavia acolle o Arteficial

O festival Arteficial celebra este ano a súa 12ª edición o sábado 1 de setembro nas rúas e prazas do conxunto histórico de Ribadavia. 

Máis de 10 grupos e 14 horas de música ao vivo ao longo dunha única xornada, centrada nos barrios da Madalena e A Oliveira, que acollerán, dende ó mediodía, os escenarios Mahou, Reboreda Morgadío, Deleite e Doppler. Contarase coa presenza das bandas galegas Guau, Oh! Ayatollah, Sara Fontán e Esteban&Manuel e Isaac Pedrouzo, ademais dos barceloneses Big Ok e do conxunto madrileño Ambre. Un ano máis, o festival achega unha selección de bandas internacionais da escena alternativa, de xeito que se contará coa intensidade electrónica dos Whales, chegados dende Portugal, mentres dende Brasil estará LaBaq, un directo elegante e transformador, aínda que haberá algunha sorpresa, coma é o caso do angoleño Chalo Correia. 


A ROMARÍA DA MÚSICA


Para a concelleira de Cultura de Ribadavia, María López Touza, "Arteficial é xa a romaría da música e cultura alternativas do Ribeiro, e unha oportunidade para achegar ao rural ourensán o mellor do panorama musical de Galicia". Neste sentido, a asociación cultural Arteficial e o Concello ribadaviense levaron a cabo, un ano máis, a sinatura do convenio de colaboración, dotado cunha achega de 2.500 euros. Ademais, a programación complétase con actividades parellas, coma é o mercado das sementes, a publicación do Fanzine Arteficial ou a realización dun obradoiro de arquitectura para os máis cativos. 

A entrada aos recintos será mediante a doazón voluntaria e solidaria de alimentos non perecedeiros e bens de hixiene para crianzas á Cruz Vermella do Ribeiro.