Ribadavia celebra o día central dos festexos da Virxe do Portal

O programa inclúe os concertos de Marta Soto, ás 22,30, na Alameda, e de Lagarto Amarillo, ás 00,30, no Castelo

A veciñanza de Ribadavia celebra hoxe o día central das festas patronais da Virxe do Portal, patrona do Ribeiro, cun completo programa de actividades relixiosas e de lecer que se desenvolverán ó longo desta xornada de sábado. Os actos comezarán ás 10,00 coa recepción da Corporación municipal ós alcaldes e concelleiros da comarca no salón de plenos da Casa do Concello, antes da saída, media hora despois, da procesión da patrona dende a igrexa de Santo Domingo para percorrer as rúas do casco histórico, acompañada pola banda de música A Lira.

Unha vez rematado o percorrido, no mesmo templo parroquial oficiarase unha misa solemne, cantada polo coro de cámara do Club Artístico da vila, na que o alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, será o encargado de facer a ofrenda e as peticións á Virxe como delegado dos Concellos da comarca.

Despois do mediodía, haberá un desfile de xigantes e cabezóns, mentres que pola tarde está prevista, ás 20,00 horas e no auditorio Rubén García do Castelo, a apertura da 18ª edición da Xuntanza de Bandas, que reunirá ás agrupacións musicais Cultural de Teo e a anfitriona A Lira de Ribadavia. A programación dos festexos inclúe, cara a noitiña, dous concertos estelares e de acceso libre e gratuíto.

O primeiro terá lugar dende as 22,30 na explanada da Alameda e correrá a cargo da cantante Marta Soto e, o segundo, estará protagonizado polo grupo Lagarto Amarillo, a partires das 00,30 horas, na fachada do Castelo, espazo no que, antes da última actuación, está prevista unha tirada de fogos de artificio pola pirotécnica Penide.


XOGOS


O programa non esquece ó público infantil, xa que na pista cuberta A Picuxa e de 11,00 a 14,00, e de 17,00 a 21,00 horas, hai un espazo aberto para os máis cativos, Ribeirolandia, con xogos, atraccións e actividades impartidas por monitores.

Te puede interesar