VERANO

Ribadavia déixase levar co Arteficial

<p></p>
photo_camera O grupo Oh! Ayatollah congregou a numerosos espectadores durante a súa actuación.

O festival ofreceu unha xornada cultural na que participaron todos os públicos e onde non faltaron os obradoiros para os máis cativos nin as actuacións musicais para os adultos, ademais dunha actividade poética e do mercado de artesanía 

E chegou por fin! O XII Festival Arteficial invadiu as rúas do casco vello de Ribadavia coa súa programación cultural, á que estaban convidados tanto veciños como visitantes. As altas temperaturas da xornada de onte non impediron que a asistencia fose maior que en edicións pasadas, nin que o público bailase con enerxía ata ben entrada a madrugada.

Os espectadores máis pequenos foron os encargados de inaugurar o festival, co obradoiro de manualidades da praza da Madalena, onde, pouco máis tarde, se abriu o Mercado das Sementes. Os artesáns presentes ofreceron unha gran variedade de produtos, dende roupa e accesorios ata fanzines ou ilustracións. A igrexa da Madalena, da que penduraban varias telas de Pouvelle Studio, tamén estaba vestida para a ocasión festiva. O concerto de Guau! deu o pistoletazo de saída da programación sonora, que ofrecería máis de 12 horas de música entre os catro escenarios habilitados. A zona gastronómica comezou a encherse, mentres algúns dos visitantes optaban por bañarse no río e refrescarse para continuar a tarde de baile. Ás 16,00 horas, cinco poetas do Festival Kerouac ofreceron a súa actuación de "Poesía vertical", para a que recitaron os seus versos dende diversos balcóns da praza da Madalena. "A proposta de Kerouac gustou moito", explica Uxía Estévez, integrante da asociación organizadora. A tarde continuou coas actuacións de Oh Ayatollah!, Big OK e Whales, nos que houbo unha gran participación. Xa pola noite, a festa desplazouse ata a Oliveira, onde actuaron Chalo Correia, Esteban&Manuel e Isaac Pedrouzo, encargado de pechar o festival. "Estamos moi contentos coa alta participación, non o esperabamos", asegura Estévez. Dende o público, non hai dúbida, un festival moi "riquiño" . 

Te puede interesar