seguridad

Ribadavia incorporará dous novos policías locais en 2019

Policía ribadavia
photo_camera Un axente da Policía Local de Ribadavia dirixindo o tráfico.

Na actualidade só dispón de cinco axentes debido a dúas baixas e outros tantos traslados

O Concello de Ribadavia ten previsto incorporar dous novos axentes de Policía Local. Para elo, no vindeiro mes de xaneiro de 2019 fará unha oferta pública de emprego co fin de cubrir esas dúas prazas. A plantilla da Policía Local estaba composta por un cabo xefe e por oito axentes pero tras diversas circunstancias como unha baixa de longa duración e outra ocasional, sumado á perda de dous integrantes que solicitaron o traslado a outros concellos, o número total sufriu unha diminución. A día de hoxe, só están en servizo cinco axentes. Por ese motivo, as autoridades municipais manifestaban que "é de agradecer o esforzo que levan a cabo para dobrar turnos e ocuparse das tarefas diarias".

O alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, afirma que foron moitos os concellos que ofrecen a posibilidade de traslado en comisión de servizos, "o que provocou que os axentes concursaran e se cambiaran a outros postos", puntualizou. Ante esta situación, sinala que "os concellos teñen as mans atadas legalmente, xa que non se pode contratar tal e como o marca a normativa vixente".

Esta tesitura cambiou porque esta semana o Concello de Ribadavia recibiu a notificación positiva da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior (ante a que se cursara a obrigada consulta) de que se podían cubrir estas prazas pero a partir do mes de xaneiro, na nova anualidade 2019.

Esta necesidade fundamental para o concello, provocará que se convoquen estas dúas prazas con carácter inmediato pero tamén se está pendente, dende o ente local, dun novo decreto que publicará o Estado a comezos do mes de xaneiro de 2019, polo cal o axente de policía, que así o considere e cumpra as condicións (determinados meses cotizados, entroutras), poderá optar por xubilarse aos 59 anos. No caso de que esto aconteza, xa que nesta situación atópanse tres dos axentes, o Concello de Ribadavia estudiaría a posibilidade de convocar máis prazas.

Finalmente, aínda que se trate dun proceso lento, xa que se teñen que cumprir uns requisitos legais establecidos cuns prazos determinados fixados, o concello tratará de axilizalo para que o servizo se atope dispoñible canto antes e en mellores condicións.

Te puede interesar