MÚSICA

Xa está aquí o XII Arteficial

Esta romaría musical chega mañá a Ribadavia, cunha proposta cultural para todos os públicos

O centro histórico de Ribadavia acollerá mañá sábado o XII Festival Arteficial, unha romería na que a música se mistura con outras disciplinas artísticas, como a poesía ou o muralismo, e que cada ano acolle a maior cantidade de melómanos e curiosos en xeral. 

A presentación do evento tivo lugar onte pola mañá no Pazo Provincial de Ourense, e contou coa presenza de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación, e de Uxía Estévez, Alba Doval e Rosendo Fernández, membros da organización. 

O evento, que propón unha xornada completa de cultura, ten como obxectivo "achegar propostas de vangarda ao medio rural", tal e como explicou Rosendo Fernández na súa intervención. Ademais, o vicepresidente provincial quixo destacar que o festival ribadaviense ven de conseguir o premio Rodolfo Prada da Deputación de Ourense á xestión cultural na categoría de colectivos afeccionados. Pola súa banda, Uxía Estévez remarcou o esforzo que supón para os organizadores levar a cabo a proposta cultural, xa que "o facemos por amor ao arte, ningúen gaña nada". Do mesmo xeito, recalcou a calidade do cartel de grupos musicais deste ano: "Estamos ao nivel de eventos profesionais pola nosa forza e polas nosas enerxías". 


MÚSICA E MOITO MÁIS


Quique Rodríguez sinalou a variedade musical desta edición, con "dez bandas e artistas de todolos estilos, bandas emerxentes ás que merece a pena escoitar e descubrir". Dende ás 13,00 e ate ás 21,00 horas as actuacións terán lugar no barrio da Madalena, e desde as 22,30 ás 2,30 horas no barrio da Oliveira. Alba Doval recordou que, ademais da música, tamén haberá obradoiros de diverso tipo para os máis cativos do público, así como unha actividade "sorpresa" co Festival Kerouac de poesía e o Mercado das Sementes de artesanía. A entrada ao festival é gratuíta, aínda que o público pode doar alimentos non perecedoiros no posto da Cruz Vermella. 

Te puede interesar