OCIO

Ribadavia programa talleres activos para os seus maiores

talleribadavia_result
photo_camera Unha actividade de redacción de texto, correspondente ós talleres do pasado ano.

O proxecto desenvolverase na vila e en tres centros sociais do rural ata finais do próximo mes de maio

A Concellería de Benestar Social de Ribadavia inicia hoxe unha nova edición dos "Talleres de Memoria e Animación Social", un programa de actividades para persoas maiores de 60 anos que se levará a cabo en catro poboacións do municipio ata a finais de maio do vindeiro ano. Entre os seus obxectivos destacan "a prevención de perdas de memoria e a optimización dos recursos nemotécnicos, así como a promoción das relacións interpersoais e da educación para a saúde", según apunta a concelleiro desta área municipal, Noelia Rodríguez.

Deste xeito, os monitores encargados dos talleres propoñen actividades memorísticas ó traverso do manexo de fichas con analoxías, anagramas, dilemas, cálculo, lóxica, xuízos prácticos e preguntas con respostas, ademais de descricións, adiviñanzas ou refráns. Os veciños que participen tamén terán a oportunidade de disfrutar dunha programación lúdica que inclúe composición de cancións, expresión teatral e ximnasia de mantemento, e, por outra banda, doutra de animación á lectura en público e creación de novos textos.

Artesanía ou xogos de mesa

Tamén haberá un apartado específico para o desenvolvemento de tarefas artesanais, no que as persoas maiores realizarán traballos manuais, pintura, escultura en barro e elaboración de murais plásticos. Asimesmo, haberá tempo para os xogos de mesa, tanto de naipes como de composición de quebracabezas, e outro apartado reservado para a a concienciación e sensibilización sobre temas de interese social tales como a igualdade de xénero, a seguridade vial, primeiros auxilios, e prevención de roubos nas vivendas, entre outros.

"A participación media semanal do último ano foi de 58 persoas e esperamos que se inscriba un número similar nos talleres desta edición", comenta Noelia Rodríguez. A concelleira de Benestar Social engade que "o nivel de implicación destas persoas maiores é moi bo e todas elas síntense satisfeitas logo de adicarlle un par de horas semanais do seu tempo, ademais de disfrutar da compaña e compartir experiencias con outros veciños da localidade".

A posta en marcha deste programa será gradual nesta mesma semana, abríndose hoxe as actividades no centro social da parroquia de San Paio, cun horario que vai dende as catro ás seis da tarde. Mañá comezará no centro da parroquia de San Cristovo, e o xoves nas oficiñas que o departamento de Servizos Sociais ten na Casa do Concello, na propia vila. Finalmente, será Francelos a última en incorporarse, o venres, e sempre co mesmo horario.

O obxectivo principal do programa "Talleres de Memoria e Animación Social", que terá lugar nestas localidade tódalas semanas e nas xornadas fixadas, é conquerir que os maiores de Ribadavia teñan á súa disposición as ferramentas e o material necesario que lles proporcione un envellecemento activo e tamén solidario.

Te puede interesar