GOBERNO LOCAL

Ribeiro en Común non atopa apoios para relevar ao alcalde de Ribadavia

A Corporación aprobou a retirada da medalla concedida a Franco en 1966

Sesión plenaria da corporación municipal de Ribadavia.
Sesión plenaria da corporación municipal de Ribadavia.
Ribeiro en Común non atopa apoios para relevar ao alcalde de Ribadavia

A proposta do único concelleiro que ten Ribeiro en Común no Concello de Ribadavia, Brais Fidalgo, para relevar ao alcalde socialista non atopou apoios na Corporación municipal. O tema foi incorporado ao pleno ordinario celebrado na tarde do pasado xoves por Ribeiro en Común, que reclamaba ao PSOE o relevo do alcalde e de non facelo no prazo de cinco días, buscaría a presentación dunha moción de censura, na que Brais Fidalgo se propón como alcalde.

O PSdeG ribadaviense tachou a proposta de Brais Fidalgo de "ocurrencia", afirmando que "non obedece a ningunha lóxica política e, para colmo do esperpento, plantexa ser alcalde el só, algo típico de candidaturas bananeras". O alcalde ribadaviense, Ignacio Gómez, aseguraba que con esta proposta o concelleiro Brais Fidalgo "acaba de desenmascararse", calificando a súa proposta como "unha absoluta tomadura de pelo".

O concelleiro que ten o BNG en Ribadavia, Xacobe García, asegura que a proposta de Ribeiro en común "colleunos por sorpresa" e parécelles "absurdo propoñer un goberno de dúas persoas auspiciado no PP". Xacobe García rexeita apoiar unha moción de censura. "non cremos nelas. As mocións de censura fannas os veciños nas eleccións e a xente decidíu o goberno que hai hoxe en Ribadavia, afirmaba o concelleiro nacionalista.

Pola súa banda, César Fernández, portavoz do PP, que conta con cinco edís na corporación municipal, ao igual que o PSdeG, lembra que "nós plantexamos varias veces que sería positivo para Ribadavia cambiar de alcalde, pero con propostas serias. Estamos dispostos a sentarnos e falar e debatir con todos, pero con propostas serias e sen liñas vermellas".

Medalla a Franco

Noutro punto do orde do día da sesión plenaria, a Corporación aprobou por unanimidade a proposta da concelleira socialista Noelia Rodríguez para retirarlle a Franco a medalla que lle concedeu o Concello no ano 1966.