PATRIMONIO

Ridimoas porá de novo en uso dous muíños de orixe medieval

A asamblea de socios decidirá na asemblea xeral de 2019 sobre a súa posta en funcionamento

Traballos de recuperación da canle de auga nos muíños de Ridimoas.
Traballos de recuperación da canle de auga nos muíños de Ridimoas.
Ridimoas porá de novo en uso dous muíños de orixe medieval

Un grupo de voluntarios da asociación naturalista Ridimoas, baixo a coordinación dun escultor, iniciou a restauración dos dous muíños situados no regato de Caldelas, dentro dunha parcela que mercou a entidade para incorporala ó bosque que xestiona en Beade. As tarefas comezaron coa limpeza da canle de entrada de auga ás instalacións, que se atopaba tupida debido ó arrastre das choivas do inverno, e a reposición e montaxe das pedras de soporte da cabeceira, que se fixo utilizando un sistema artesán de poleas debido ó seu elevado peso.

Estes muíños, tal e como apunta o presidente de Ridimoas, Pablo Rodríguez, "teñen a súa orixe na Idade Media e pertenceron á Encomenda de Beade da orde do Temple, e con posterioridade pasaron a mans privadas e aínda estiveron operativos ata o ano 1981, que foron abandoados tra-lo pasamento da súa propietaria". No interior das edificacións, nas que o muiñeiro dispuña dunha vivenda con lareira, pódese comprobar que as moas estaban adicadas inicialmente a moer trigo e centeo, para logo incorporar unha nova para o millo, coincidindo coa introdución desta planta en Galicia, segundo comenta o responsable da asociación.

As obras de rehabilitación continuarán co reforzamento de dúas paredes da zona de vivenda para facilitar o asentamento e recuperación do tellado, que apareceu fundido. Pablo Rodríguez adianta que, "na vindeira asamblea xeral de marzo, consultaremos cos socios a posibilidade de poñer os muíños en funcionamento, e, en caso afirmativo, solicitar os permisos pertinentes á Confederación Hidrográfica". As edificacións atópanse nun terreo de 6.000 metros cadrados, na parte baixa do bosque de Ridimoas, no que pretenden conservar especies de flora e fauna asociadas a este hábitat fluvial, como son o acereiro, a cerdeira de acios, a xabroneira, o merlo acuático, o martiño peixeiro, a garduña, a algaria ou as libélulas.