O RIBEIRO

Santo André, sede do III encontro enolóxico galego

Os expertos do sector puxeron en común experiencias e coñecementos para afrontar os retos do mercado vitivinícola

A Asociación Galega de Enólogos organizou onte a súa xornada anual de intercambio de experiencias e para un mellor achegamento á información sobre os avances científicos e tecnolóxicos que xiran ó redor do mundo da vitivinicultura. Esta

terceira edición do Encontro Enolóxico Galego celebrouse ó longo da mañá nas instalacións da adega  Casal de Armán, na localidade ribadaviense de Santo André de Camporredondo, coa colaboración da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), tal e como vén sendo habitual nos últimos anos.

Segundo apuntaron os organizadores, este punto de encontro, ademais de ser útil para a formación continua das persoas expertas no cultivo e recollida da uva e na posterior produción e embotellado de viño, tamén ten como obxectivo intercambiar impresións e coñecementos para poder afrontar os novos retos do mercado vitivinícola. Nesta xornada, que foi coordenada polo presidente do colectivo de enólogos, Luis Buitrón, debatéronse temas como a aplicación dos sistemas de ozono para a desinfección de instalacións nas adegas.

Asemade, tamén houbo relatorios sobre as novidades no eido da medición da calidade das uvas e encol dos diferentes aspectos sensoriais na cata dos viños brancos, entre outros seminarios, que remataron cun xantar de confraternidade.

Te puede interesar