SERVICIOS

Os socialistas reclaman a fibra óptica no concello de Leiro

Tamén demanda que se estude a posibilidade de manter conversas con empresas subministradoras para instalar esta rede, e para que oferten algún tipo de facilidades ou incentivos

O grupo municipal do PSdeG de Leiro defenderá no próximo pleno local unha iniciativa co fin de activar a instalación dunha rede de fibra óptica neste municipio. Na moción, os socialistas reclaman ó grupo de goberno do PP que “se interese e execute a instalación da fibra óptica utilizando todos os medios ó seu alcance”, para que Leiro “deixe de ser doutro século no sector das telecomunicacións”, insistindo unha vez  máis en que "este feito impide o crecemento e fomenta o atraso e o illamento”.

Este grupo da oposición tamén demanda que se estude a posibilidade de manter conversas con empresas subministradoras para instalar esta rede, e para que oferten algún tipo de facilidades ou incentivos. Igualmente piden os socialistas solicitar algún tipo de axuda ou subvención á Xunta de Galicia, ó Goberno central ou á Deputación de Ourense para así facilitar a implantación da fibra.

O portavoz do PSdeG na Corporción de Leiro, Manuel Rodríguez, recorda que “hai moitos profesionais que traballan vía internet, e mozos que utilizan a rede para os seus estudos”, polo que, sinala: “O acceso á información a unha velocidade rápida é imprescindible, sen esquecer que as redes sociais forman parte da vida de moitas persoas para comunicarse”.

Nese sentido, sinala Manuel Rodríguez que son moitos os veciños que se dirixen ao seu grupo para reclamar información sobre a instalación desta necesaria fibra óptica, "xa que na actualidade están a sufrir numerosas deficiencias derivadas da actual pésima rede de telecomunicacións ordinaria”, conclúe.

Te puede interesar